
Sen ir máis lonxe, membros do centro galego estiveron este martes en Bruxelas como integrantes do Grupo de Acción A2, centrado na xestión sanitaria personalizada, a partir dunha iniciativa de prevención de caídas. A xuntanza celebrada na capital belga contou coa participación da secretaria xeral de Sanidade do Goberno español, Pilar Farjas, que falou sobre o contexto político acerca desta cuestión da e-saúde en España. Tamén participou, pola parte galega, a conselleira de Sanidade da Xunta, Rocío Mosquera, que fixo fincapé no papel que están a xogar as Comunidades Autonómas neste eido das novas tecnoloxías aplicadas ao ámbito sanitario e de atención aos maiores, a través de exemplos concretos desenvolvidos polo SERGAS.
Sinalar que o envellecemento activo é, segundo estipula a Organización Mundial para a Saúde (OMS), o proceso polo que se optimizan as oportunidades de benestar físico, social e mental durante toda a vida, co obxectivo de ampliar a esperanza de vida saudable e a produtividade na vellez. Estamos, segundo engade Gradiant, ante unha cuestión cuxa consecución e mantemento deben ser unha finalidade fundamental para a sociedade dun país e, tamén, para os seus representantes políticos. Está en xogo a autonomía e a saúde dos nosos maiores.
A achega de Gradiant
Como dixemos, Gradiant participa na conferencia como integrante do Grupo de Acción A2 da EIP, especializado no uso da tecnoloxía para a prevención de caídas, un problema que dificulta a independencia dun gran número de anciáns en todo o mundo. As caídas, de feito, son a causa principal de mancaduras entre as persoas maiores: cada ano, un de cada tres adultos maiores de 65 anos sofren caídas. Estas, a miúdo, conducen a discapacidades a longo prazo, dependencia severa ou lesións mortais. Os custos asociados aos tratamentos e á rehabilitación supoñen un incremento do gasto moi significativo para calquera sistema sanitario. “Con todo, as caídas son un problema facilmente evitable grazas á tecnoloxía”, informa o centro galego de I+D.
Gradiant, máis en detalle, estivo contribuíndo durante os últimos meses á elaboración do plan de acción do Grupo de Acción A2, onde achega novas solucións tecnolóxicas para, por unha banda, controlar as caídas e, pola outra, axilizar os procesos de rehabilitación que se aplican tralas caídas. “Así”, sinalan fontes de Gradiant, “conéctase a investigación coa innovación e desenvólvense novas solucións para aplicar nesta contorna social”.
O Grupo de Acción pretende ser “un referente europeo á hora de elaborar unha guía de boas prácticas para trasladala a outras rexións europeas e poder construír unha rede de prevención de caídas”, conclúe. O obxectivo é conseguir un programa oficial para o 2015, validado pola Comisión Europea, no que estean presentes polo menos 10 países europeos, para o diagnóstico precoz e a prevención de caídas.
Gradiant achega a súa experiencia TIC á Asociación Europea de Innovación sobre o Envellecemento Activo
Compartir Este Artigo
