A empresa galega Tagtum ofreceu hoxe en Vigo, ás 9.00 horas no marco das Xornadas de Automatización Industrial, unha charla sobre o Internet das cousas, concepto-metodoloxía de traballo considerado a pedra de toque da 3ª Revolución Industrial (a revolución do coñecemento). Lembrar que da firma Tagtum (ou Dnet), precisamente, temos falado na web de Código Cero para informar dun sistema de seu, desenvolvido en colaboración co centro Gradiant, que permite garantir a orixinalidade dos produtos e recoñecer a súa titularidade con só achegar un dispositivo móbil con sistema NFC. A cita foi no Auditorio da Fundación Novagalicia Banco en Vigo. Nela, tamén fíxose fincapé no devandito sistema Tagtum, un exemplo da devandita era tecnoloxía na que, queirámolo ou non, estamos a piques de entrar de cheo.
Segundo informan fontes da empresa, esta revolución do coñecemento non fixo máis que comezar. Entre os primeiros e significativos pasos datos insírese, engade a compañía, a inclusión da dita tecnoloxía de seu en máis de un millón de camisolas pertencentes “a un dos clubs de fútbol máis prestixiosos do mundo”. Isto vai significar “a posta en xogo”, de cara ao seareiro, de toda unha longa serie de funcionalidades e servizos útiles. Por exemplo, coa camisola e un smartphone a man, os seareiros poderán mercar a entrada e entrar directamente no estadio de fútbol.
Por certo que a firma Tagtum tamén traballa, arestora, nun proxecto europeo para incorporar o identificador que desenvolveu conxuntamente con Gradiant aos medicamentos de uso común, tal como se establece nunha directiva comunitaria. “A tecnoloxía Tagtum”, engaden fontes da empresa homónima, “é a primeira pedra dunha nova era, e suporá un antes e un despois na maneira de entender o mercado e os negocios”. O Internet das cousas, sinalan, é un concepto que consiste en dotar aos obxectos de tecnoloxía para que os usuarios poidan interactuar con eles. Neste senso, Tagtum foi deseñado e desenvolvido co devandito centro vigués de I+D e coa arela de converterse no primeiro caso de éxito dentro da devandita terceira revolución. Inclúe un chip para incorporalo a un produto calquera (roupa, xoguetes, xoiería) e o teléfono móbil permítelles aos usuarios verificar a orixinalidade do produto, rexistrar a propiedade, facilitar a súa recuperación en caso de perda, acreditar a titularidade en todo intre para vendas de segunda man a través de plataformas en liña como eBay ou amosar información útil achegando o móbil ao obxecto en cuestión.
Vigo acubilla a presentación de tecnoloxía galega para asegurar a autenticidade dos obxectos a través dun smartphone
Compartir Este Artigo
