Logo da celebración o pasado mes de setembro dos Foros NACCE, no que participaron ducias de empresarios galego-portugueses do eido TIC e profesionais en asesoramento e emprendemento adheridos a NACCE para axudar a aqueles na súa andaina no mercado internacional, o proxecto retoma agora os seus encontros de networking con dúas xornadas de exposición de experiencias de procura de novos escenarios de actividade empresarial e de colaboración de firmas e proxectos TIC Galicia-Norte de Portugal. Na primeira xornada, a celebrar na Cámara de Comercio de Vigo o vindeiro xoves 29 de novembro, mentores como Elías Pérez Carrera, da firma TIC Quobis, Javier Represas, de Bridgedworld, e Manuel García, de Zarpamos, achegarán polo miúdo as claves para a internacionalización de proxectos tecnolóxicos.
Asemade, o encontro servirá para amosar en detalle experiencias de proxectos e empresas tecnolóxico-dixitais en proceso de espallamento alén da nosa terra.
O programa da primeira xeira de traballo é o seguinte.
10.00 Horas. Apertura Institucional.
10.30 Horas. Intervención e introdución da xornada a cargo de Elías Pérez Carrera, de QUOBIS. Internacionalización: Proxecto e Proceso.
10.45 Horas. Presentación de Proxectos de Internacionalización TIC
11.30 Horas Descanso café
12.00 Horas. Como, con quen e porqué colaborar nun proxecto de internacionalización. Relator e mentor Javier Represas, da empresa Bridgedworld, e profesor e mentor de NACCE.
12.30 Horas. Segunda parte da presentación de proxectos de internacionalización- Introduce Mentor: Elías Pérez Carrera
13.30 Horas. Que achega unha aceleradora de empresas aos emprendedores?: Intervén o relator e mentor Manuel García, fundador de Zarpamos.
14.00 Horas. Fin de xornada de mañá.
14.15 Horas. Almorzo Networking
15.30 Horas. Mesas de Asesoramento – Mentoring. Os mentores que interviñeron pola mañá ficarán a disposición dos asistentes para consultas personalizadas.
18.00 Horas. Fin da xornada.
Sinalar que se trata dunha xornada aberta e de balde, e que o almorzo corre a cargo da organización. Para formalizar a inscrición, cómpre seguir os pasos indicados na web da iniciativa, nacce.es.
Segunda xornada
A seguinte xornada celebrarase no país irmán, Portugal, e co-participante no Proxecto Nacce. Máis polo miúdo, terá lugar en Braga, o 11 de decembro. Segundo informa a organización, contará co mesmo formato cá devandita Xornada de Internacionalización pero trataranse temas relacionados coa colaboración entre empresas TIC Galicia e o Norte de Portugal.
Lembrar que o Proxecto NACCE está dirixido a empresas e emprendedores de Galicia e Norte de Portugal. É un proxecto eminentemente on-line, e é unha oportunidade de recibir asesoramento por parte de profesores e mentores de contrastada traxectoria profesional e formación en dirección de proxectos en colaboración, internacionalización de empresas e/ou creación de empresas de alicerce tecnolóxico.
Arestora, máis de 250 profesionais, empresarios e emprendedores ligados ao sector tecnolóxico-dixital de Galicia e o Norte de Portugal están a participar directamente no Proxecto NACCE. Dirixidos por un equipo de expertos tanto a nivel de empresa (Proxectos e I+D, Plans Estratéxicos, Continuidade de Negocio, Tecnoloxía, Mercadotecnia) como a nivel de promoción e desenvolvemento de empresas de nova creación, novas liñas de negocios e desenvolvemento de start-ups; están a traballar en exportar os seus produtos e servizos tecnolóxicos, de Internet ou contidos dixitais, preferentemente en Portugal e viceversa; creando novas liñas de negocio en colaboración con empresas e/ou equipos de profesionais do outro lado da fronteira; e, directamente, constituíndo desde cero unha empresa de base tecnolóxica.
A inscrición fica aberta en www.nacce.es e pódese escoller a acción ou accións formativas e de asesoramento que mellor encaixe nas necesidades de cada persoa.
O proxecto NACCE inscríbese dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, e participan a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC), Cámara de Comercio de Vigo, Universidade de Vigo, AIMinho (Associaçao Empresarial) e o CCG/ZGDV (Associaçao Centro de Computaçâo Gráfica). Espérase que signifique un gran estímulo para o sector TIC de Galicia e do norte de Portugal favorecendo a creación de emprego e de empresas tecnolóxicas.
O Proxecto NACCE retoma os seus encontros de networking
Compartir Este Artigo
