
-Que significa para Imatia recibir o Premio á Iniciativa Empresarial?
-O premio é un recoñecemento á aposta que levamos facendo dende hai moitos anos por crear tecnoloxías innovadoras dende Galicia. Tendo en conta que a nosa terra foi tradicionalmente unha consumidora de tecnoloxías da información, atreverse a crealas e que fosen quen de competir a nivel internacional, supón un importante esforzo de I+D e ten importantes elementos de risco a nivel comercial, incluso á hora de dirixirse a empresas e administracións públicas locais. Porén, nós cremos que é a clave para a internacionalización da actividade da empresa. Que o recoñecemento veña do CPEIG supón unha gran ledicia, xa que representa aos enxeñeiros informáticos, que é un dos principais colectivos aos que pertencen os nosos empregados, aliados e clientes.
-Un dos motivos polos que recibides o recoñecemento é por constituír un importante labor referencial como empresa TIC líder a nivel europeo en innovación. Cal foi o segredo do éxito?
-Polo que nos comentaron os analistas de Red Herring, o seu interese na nosa empresa céntrase en parte no forte crecemento experimentando pola empresa nos seus primeiros anos e sobre todo polo carácter innovador da nosa tecnoloxía. En concreto, chamoulles moito a atención un concepto que incluímos na nosa plataforma Ontimize e que chamamos Aplicacións como Contido, baixo o que unha aplicación de negocio pódese modelar de xeito integramente declarativo, sen necesidade de programar, por Internet e en tempo de execución, cubrindo aspectos que abranguen o interface gráfico do usuario, a lóxica de negocio de transaccións, os procesos e a xestión de contidos non estruturados. En resumo, a idea é facer que dar forma a unha ferramenta de negocio sexa tan doado como crear unha presentación ou unha folla de cálculo, pero en liña, e con todos os requirimentos de seguridade e escalabilidade que esixe un contorno corporativo. Por sorte, os analistas non discriminan moito respecto á orixe das tecnoloxías, aínda que por desgraza si que o fan o mercado e os investidores de capital risco internacionais, de xeito que a súa recomendación é que a empresa emigre a algún dos polos onde o desenvolvemento comercial de empresas TIC sexa máis favorable.
-Como foron as orixes de Imatia, cando era spin-off da Universidade de Vigo e se cadras non soñaba (ou si) con chegar a onde chegou?
– A empresa naceu a partir da actividade dun grupo de I+D universitario no cal levamos un tempo dándolle voltas a como mellorar o proceso de desenvolvemento de aplicacións co obxectivo de optimizar a produtividade e a calidade, pero tamén de converter as aplicacións en activos que perdurasen no tempo malia os incesantes cambios tecnolóxicos (acababamos de sufrir o efecto 2000 e o cambio do Euro). Apostamos pola idea de crear unha capa de abstracción que permita declarar as aplicacións de maneira formal e proporcionar os medios para que estas aplicacións poidan correr logo sobre distintas plataformas, linguaxes e dispositivos. A través de colaboracións de transferencia de tecnoloxía entre empresa-universidade detectamos moito interese e lanzámonos ao mercado. Pero ademais das cuestións técnicas, creo que o feito de pertencer a unha familia que no seu día emigrou a Venezuela, Cuba e EE UU, basicamente pola falta de oportunidades en Galicia, dábame moita mágoa ver como formabamos aos mellores profesionais nas nosas universidades para que despois estes tivesen que emigran ou contentarse con realizar un traballo que requiría unha cualificación menor ou distinta á que adquiriran durante os seus estudos.
-Cal é, en liñas xerais, a vosa actividade no eido TIC?
-Temos catro liñas principais de negocio. En primeiro lugar Ontimize, que é unha tecnoloxía para o desenvolvemento rápido de aplicacións de negocio. Todos os nosos produtos baséanse nesta tecnoloxía e tamén a licenciamos aos nosos clientes e aliados. Logo temos Cividas (liña de produtos para administracións públicas), Elastic (produtos para a xestión de empresas, especialmente en áreas relacionadas coa produción e a loxística) e Imatialabs (servizos de desenvolvemento de aplicacións, módulos e compoñentes para os nosos clientes e aliados). Recentemente, incorporamos unha nova actividade en colaboración co grupo de I+D universitario do cal somos spin-off no eido da visión artificial, especialmente no sector do mantemento ferroviario.
Imatia amosa a súa visión innovadora con motivo do premio que recibe este venres da man do CPEIG
Compartir Este Artigo
