Os Foros NACCE, nos que participan empresarios TIC galego-portugueses e mentores-asesores en internacionalización, retoman os encontros de networking con dúas xornadas de presentación de novos escenarios de actividade empresarial e de colaboración entre ámbalas beiras do Miño. Na primeira xornada, a celebrar na Cámara de Comercio de Vigo este xoves 29, mentores como Elías Pérez Carrera, da firma Quobis, Javier Represas, de Bridgedworld, e Manuel García, de Zarpamos, achegarán polo miúdo as claves para o afianzamento no exterior de proxectos tecnolóxicos. O encontro servirá tamén para amosar en detalle experiencias concretas de proxectos e empresas tecnolóxico-dixitais en proceso de espallamento alén da nosa terra.
A apertura do evento correrá a cargo de José María López Bourio (presidente de AGESTIC, entidade impulsora de NACCE), José Manuel García Orois, xerente da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, Eduardo Pinto, director Executivo do CCG (Centro de Computaçâo Gráfica) e Amparo González, directora xeral de Promoción de Emprego da Xunta de Galicia.
O programa da primeira xeira de traballo é o seguinte.
10.00 Horas. Apertura Institucional.
10.30 Horas. Intervención e introdución da xornada a cargo de Elías Pérez Carrera, de QUOBIS. Internacionalización: Proxecto e Proceso.
10.45 Horas. Presentación de Proxectos de Internacionalización TIC. Introduce e modera Elías Pérez Carrera. Danse a coñecer as iniciativas Buydeal.es (a cargo de Jacobo Chouza), Peixe Software (a cargo de Pablo Taboada), Pintega Enxeñaría (Miguel Bernárdez) e Competinov (Alexandre de Azevedo Campos).
11.30 Horas Descanso café
12.00 Horas. Como, con quen e porqué colaborar nun proxecto de internacionalización. Relator e mentor Javier Represas, da empresa Bridgedworld, e profesor e mentor de NACCE.
12.30 Horas. Segunda parte da presentación de proxectos de internacionalización- Introduce Mentor: Elías Pérez Carrera. Danse a coñecer Bit Oceans (Alberto Malvido), Campus MVP (José Manuel Alarcón, fundador de Krasis), Orion Congress (Fernanda Mirón).
13.30 Horas. Que achega unha aceleradora de empresas aos emprendedores?: Intervén o relator e mentor Manuel García, fundador de Zarpamos.
14.00 Horas. Fin de xornada de mañá.
14.15 Horas. Almorzo Networking
15.30 Horas. Mesas de Asesoramento – Mentoring. Os mentores que interviñeron pola mañá ficarán a disposición dos asistentes para consultas personalizadas. Participan Manuel García, Elías Pérez, Alexandre Azevedo, José Manuel Regueiro e Javier Varela.
18.00 Horas. Fin da xornada.
Sinalar que se trata dunha xornada aberta e de balde, e que o almorzo corre a cargo da organización. Para formalizar a inscrición, cómpre seguir os pasos indicados na web da iniciativa, nacce.es.
O proxecto NACCE inscríbese dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, e participan a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC), Cámara de Comercio de Vigo, Universidade de Vigo, AIMinho (Associaçao Empresarial) e o CCG/ZGDV (Associaçao Centro de Computaçâo Gráfica). Espérase que signifique un gran estímulo para o sector TIC de Galicia e do norte de Portugal favorecendo a creación de emprego e de empresas tecnolóxicas.
Volven este xoves en Vigo as xornadas de traballo de NACCE
Compartir Este Artigo
