Seguimos a voltas, por desgraza, informando de iniciativas gobernamentais para estreitar a marxe de liberdades de Internet, hoxe en día (e cada vez máis) unha poderosa ferramenta de acción social para impedir que Estados e grandes corporacións fagan o que lles pete. Sen ir máis lonxe, detrás da Internet atópanse cousas recentes como o aplaudido cambio de rumbo de Inditex cara ao ecolóxico ou (tamén, en parte) a ben acollida cancelación na nosa terra de vindeiras fumigacións masivas de pesticidas (prexudiciais para as abellas). En definitiva, que grazas en boa medida ás redes, a xente pode actuar. Co fin de parar isto antes de que vaia máis, algúns gobernos especialmente restritivos queren tomar o control da Internet a través dun tratado global vinculante. Avaaz, una comunidade que lles proe especialmente, xa está a tomar cartas no asunto.
A intención de Avaaz, que está a convocar a internautas de todo o mundo e a recoller sinaturas e doazóns para facer panca común contra esta nova tentativa de limitar a marxe de liberdade da Rede, é impedir que Internet “sexa menos libre, máis caro e moito máis lento”. Asemade, din dende esta plataforma en liña de acción social, cómpre bulir, porque o encontro das Nacións Unidas de Dubai, onde se están a dar cita os ditos gobernos (xunto con outros máis proclives a deixar as cousas tal e como están) para tentar cambia o rumbo das cousas, só vai durar uns cantos días.
Así nolo contan dende Avaaz: “Internet ten sido un gran exemplo do poder cidadán, permitíndonos erguer as nosas voces e facer presión contra líderes de todo o mundo como nunca antes, grazas a que estivo na súa maior parte xestionado por usuarios e organizacións sen arela de lucro e non por gobernos; porén, agora Rusia, China e Emiratos Árabes, entre outros países, están tratando de reescribir un antigo tratado de telecomunicacións chamado RTI para controlar a Rede, adaptándoa aos seus intereses no canto de ás necesidades dos usuarios”. En contraposición a todo isto Avaaz lembra as palabras de Tim Berners Lee, considerado como un dos creadores de Internet: “Este posible cambio podería aumentar a censura na rede e invadir a nosa privacidade”.
A liberdade da Rede volve estar estes días en perigo, informa a comunidade Avaaz
Compartir Este Artigo
