A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), por medio do seu Programa de Voluntariado Dixital e en colaboración con Cruz Vermella de Galicia, celebrou este sábado 15 de decembro unha xornada sobre as posibilidades que achegan as ferramentas 2.0 á hora de mobilizar, axilizar e dispoñibilizar ao máximo o mercado laboral. Na xornada, titulada Identidade dixital e busca de emprego 2.0, participaron arredor de 40 voluntarias e voluntarios dos Espazos de Busca Activa de Emprego da devandita ONG. A actividade, centrada nas potencialidades do fenómeno dixital actual no proceso de demanda e oferta de emprego en web, contou coa presenza de expertos procedentes das empresas Infojobs, o operador galego R, Laboral News e Egea Consultores.
Un dos eixos da xuntanza foi, como dixemos, a identidade dixital. Isto ten que ver, directamente, coa experiencia que atesouremos nas redes, que funciona, igual que a experiencia real, a xeito de currículo. A xuízo de AMTEGA, “a información que se comparte nunha rede profesional non decide unha contratación, pero si que supón un importante escaparate para empresas e captadores de profesionais de cara a unha primeira toma de contacto co perfil do candidato”. A día de hoxe, incide a Axencia, a nosa pegada dixital, a parte de nós que deixamos no plano virtual, 2.0, é en boa medida un axeitado currículo para os novos tempos que corren e que virán.
Lembrar, volvendo á participación da Cruz Vermella na xornada, que os Espazos de Busca Activa de Emprego (EBAE) son lugares de procura laboral equipados cos medios técnicos para preparar unha candidatura, facer unha subscrición a unha oferta de traballo ou facer un seguimento desta. O emprazamento está dinamizado polo voluntariado da Cruz Vermella, que asesora ás súas usuarias e usuarios en todo o seu proceso de integración laboral.
O obxectivo da xornada foi, precisamente, achegar a este grupo de voluntarios a información máis actualizada sobre as redes sociais no mercado de traballo e o impacto da web 2.0 no ámbito laboral así como as claves para construír unha boa identidade dixital para a busca de emprego. Catro expertos nestas áreas foron os encargados de relatar as súas experiencias. Ángeles Otero, delegada da zona norte de Infojobs, Roberto Rodríguez, responsable de Atracción de Talento de R, Francisco José Collado, autor do libro Twiter e a busca de emprego, e Alberto Fernández, director de Desenvolvemento de Negocio de Egea Consultores.
Sinalar tamén que o Programa Voluntariado Dixital continuará a traballar nesta liña de actuación de Internet e as novas tecnoloxías para a busca emprego, contando cos diferentes axentes que estudan e utilizan as novas tendencias no ámbito de internet, novas tecnoloxías e busca de emprego. A finalidade desta liña, sinala AMTEGA, “é ofrecer aos voluntarios dixitais do programa un amplo coñecemento neste novo escenario que abren as redes sociais e profesionais proporcionando as ferramentas necesarias para deseñar de maneira adecuada unha identidade dixital para que poidan trasladar estes coñecementos ás persoas en situación de desemprego”.
A xornada sobre busca de emprego 2.0 de AMTEGA reuniu a 40 voluntarios da Cruz Vermella
Compartir Este Artigo
