Centro de operacións do NORAD en NoiteboaCoa proximidade da noite do 24 de decembro a Internet continúa a sumar recursos para poder facer un seguimento da viaxe que Papá Noel fará porto o mundo repartindo agasallos aos cativos, entre os que habitualmente comentamos o caso do NORAD, organismo que tradicionalmente cumpre con esta función nos EE.UU. e que dende hai anos achega a información que recompila a través da Internet para facilitar a súa consulta en tempo real, e que este ano, en vez de optar pola tecnoloxía de mapas de Google, vai facer uso dos mapas de Microsoft (Bing Maps) para as vistas en 2D e da tecnoloxía de Cesium para a visualización en 3D. Aparte da consulta de toda esta información vía web, este ano desenvolveuse unha importante aposta polas aplicacións móbiles e de escritorio, de xeito que a aplicación NORAD Tracks Santa está dispoñible para iOS, Android, Windows Phone e Windows 8, facilitando que os cativos poidan estar informados con detalle durante as horas que faltan para a chegada de Santa ao seu fogar. Sobra dicir que en Facebook e Twitter tamén teremos información puntual sobre o seguimento do NORAD a Papá Noel, atendendo á grande demanda pública. Google seguirá a Santa en Noiteboa de xeito non oficialPero Google non quere deixar de contribuír a este esforzo informativo, e vén de anunciar que tamén contará co seu propio sistema de seguimento de Papá Noel en Google Maps e Google Earth, así como unha aplicación para móbiles Android. Mentres non chega a xornada de Noiteboa, o Santa Tracker de Google permite facer unha visita á vila de Santa, onde os cativos poderán atopar detalles curiosos, como ao reno Rudolph adestrando, Papá Noel e os seus elfos recibindo clases sobre como entrar polas chemineas para deixar os agasallos nos fogares, un xogo dun elfo voando cun jetpack, un chat con Santa que permite personalizar unha mensaxe de voz para que Papá Noel felicite a un dos nosos seres queridos (e que podemos descargar en MP3 para remitirlla).