O Valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernández Rodríguez, presentou hoxe unha enquisa de 11 preguntas para axudar a detectar de xeito precoz o uso problemático da Internet por parte dos mozos galegos. Esta iniciativa vai na liña do informe extraordinario Adolescentes e Internet en Galicia publicado en 2011 (e dispoñible para a súa descarga en formato PDF), no que xustificaban a preocupación por algúns comportamentos da mocidade e instan a emprender políticas de prevención.
Esta ferramenta de screening para a mocidade desenvolveuse no marco dun convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e someteuse a contraste empírico cunha mostra de 1.300 adolescentes, que sumados aos 2.300 do estudo anterior forman unha base de coñecemento bastante ampla.
Os elementos que conforman o cuestionario elaborado son os seguintes:
- Cando me conecto sinto que o tempo voa e pasan as horas sen darme conta
- En ocasións intentei controlar ou reducir o uso que fago de Internet pero non fun capaz
- Nalgunha ocasión cheguei a descoidar algunhas tarefas ou a render menos (en exames, deportes, etc.) por conectarme a Internet
- Cada vez gústame máis pasar horas conectado/a á Internet
- Ás veces irrítome ou me poño de mal humor por non poder conectarme a Internet ou ter que desconectarme
- Prefiro que os meus pais non saiban o tempo que paso conectado a Internet porque lles parecería excesivo
- Deixei de ir a sitios ou de facer cousas que antes me interesaban para poder conectarme a Internet
- Nalgunha ocasión metinme en leas ou problemas por culpa de Internet
- Amólame pasar horas sen conectarme a Internet
- Cando non podo conectarme non paro de pensar se me estarei perdendo algo importante
- Digo ou fago cousas por Internet que non sería capaz de dicir/facer en persoa
