O portal de raizame galega Vinetur, centrado no ámbito do viño, vén de facer reconto do acadado ao longo do ano que estamos a piques de deixar atrás. Entre os datos que se fornecen, achégase unha cifra de visitas que, a xuízo dos responsables desta canle en liña, confirma o interese crecente dos consumidores polos viños galegos e españois. Falamos de tres millóns de visitas, dez millóns de páxinas vistas e 14.000 seareiras/os nas distintas redes sociais nas que está presente Vinetur. O portal, mantido dende Vilagarcía de Arousa a raíz da boa experiencia amosada por VinoGallego, supera cos devanditos números “tódalas expectativas xeradas”.
Tanto en número de usuarios (multiplicouse por dez a cifra de clientes que confían na información do portal) como en seguimento entre os medios especializados, dixitais, que operan en España. Segundo apunta o seu director, Emanuel Casais, non hai dúbida de que a xente demandaba unha canle en liña destas características, e máis se temos en conta que a afección aos viños xa xeraba comunidade e información compartida mesmo antes da chegada das redes. Agora, no eido 2.0, o efecto dispárase.
Internet e viño son, de feito, dúas das grandes paixóns de Casais, para quen os devanditos resultados do portal non fan máis que avalar o potencial da combinación emprendemento e novas tecnoloxías. Na súa opinión, hoxe en día non se pode concibir xa a posta en marcha dunha idea de negocio sen enfocalo cara a Internet. “O que busca facer negocios e innovar no sector vinícola ten na Rede e toda a súa tecnoloxía asociada, a principal ferramenta para acadar o mercado global”. E engade: “Antes de Internet, o sector do viño era un círculo pechado ao que poucos accedían e ao que non che permitían acceder, só podías mirar de lonxe a un grupo de profesionais, sen saber ben que dicían, e asumilo como bo; en Vinetur queremos cambiar iso, queremos abrir o círculo a todo o mundo, queremos socializar o viño”, explica. Por certo que o portal comezará 2013 con máis proxectos para continuar o seu proceso de medre e ofrecendo novos servizos no portal. “Temos en marcha un proxecto de internacionalización para Vinetur e outro proxecto no sector do comercio electrónico”, explica Casais.
O portal galego Vinetur pecha o ano con máis de tres millóns de visitas
Compartir Este Artigo
