O centro galego Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia) participou este mes de decembro nun encontro internacional dirixido a afondar en novos xeitos e metodoloxías de salvagarda dos datos e das comunicacións. A xuntanza IEEE International Workshop on Information Forensics and Security (WIF´S 2012), deu acubillo en Tenerife a un bo número de especialistas en seguridade de información e, tamén, a unha serie de accións prácticas encamiñadas a pór a proba as metodoloxías alí presentadas. Ou sexa: algo así como simulacións de ataque e salvagarda. Gradiant, co-organizador do evento, estivo presente a través do seu director, Fernando Pérez, quen oficiou de anfitrión xunto coa Universidade de Vigo e a de La Laguna. Segundo informa o centro galego, nesta edición introduciuse a novidade da sesión Demo.
De feito, a entrega 2012 do WIF´S non só pretendía ser unha excelente plataforma para amosar os traballos de investigación, senón tamén converterse nun espazo para visualizar o camiño entre a investigación e a súa aplicación comercial. “Até agora”, informan fontes de Gradiant, “o WIF´S estaba apoiado na presentación dos traballos de investigación de sólidos fundamentos teóricos, algúns destes resultados teóricos acaban converténdose en prototipos ou mesmo produtos comerciais pero, a gran maioría, fican unicamente no eido da teoría, debido á falta de canles axeitadas para a súa comunicación”. Este compromiso a prol de converter as ideas en realidades, por pasar da papel aos feitos con proxección futura, foi o alicerce da devandita sesión. Máis polo miúdo, o obxectivo da mesma foi fomentar a investigación aplicada mediante o aumento da súa visibilidade entre os membros da comunidade científica experta en IFS. A sesión de demostración abrangueu un evento interactivo que serviu para darlle un punto de vista máis informal, e polo tanto máis directo, á presentación de prototipos, produtos comerciais e resultados prácticos das investigacións.
A sesión Demo estivo liderada polo investigador de Gradiant, Enrique Argones (na foto, á dereita), dentro do marco do proxecto Liftgate, que aproveitou para presentar as conclusións en autenticación de sinatura electrónica, cousa que, segundo informa o centro galego, xerou unha gran expectación entre o público asistente. Pola súa banda, a coordinador da área de Información Multimodal de Gradiant, Luís Pérez Freire, foi o encargado de organizar a sesión, constituíndose esta como unha ligazón, en si mesma, entre investigación e industria.
O centro galego Gradiant co-dirixiu as rendas do evento internacional sobre seguridade nos datos: WIF´S
Compartir Este Artigo
