
–Cal é exactamente a túa participación no Proxecto NACCE? Actúas como mentor ou emprendedor asesorado, ou ámbalas cousas? Cres que unha iniciativa como NACCE non se dirixe, realmente, a favorecer que os emprendedores TIC se convertan en empresarios expertos, e que os xa consolidados se deixen renovar polos acabados de chegar?
-A miña participación é en calidade de “mentor”. Xunto co resto do equipo temos como función principal a de prestar asesoramento aos emprendedores inscritos no proxecto, ben a través dun mentoring presencial nas xornadas organizadas en diversas cidades de Galicia e Norte de Portugal, ou ben a través da plataforma web da iniciativa, www.nacce.es.
–Cal é a túa opinión sobre o desenvolvemento actual do proxecto? Cres que xa está comezando a dar froitos? En que sentido?
-A día de hoxe, hai máis de 260 emprendedores inscritos no proxecto que están a cursar a formación en liña a través da plataforma apoiada por titores expertos e mentores membros do Núcleo NACCE, e que, ademais, gran número deles están a asistir e participar activamente nos foros e xornadas temáticas celebradas ata este momento (Vigo, Ourense, Guimarães, Braga, etc.). O proxecto xa comezou a dar o seus froitos e son varios os emprendedores de NACCE que presentaron as súas iniciativas, incluso en público, de feito o vindeiro 24/01/2013, terá lugar en Ourense unha nova xornada na que un grupo deles exporá ó público as súas ideas e proxectos TIC.
–Consideras que facía falla algo como NACCE, que establecese máis pontes de colaboración entre o tecido TIC galego e portugués, e entre emprendedores e mentores (expertos en TIC) e empresarios consolidados?
-Sen dúbida este tipo de proxectos que apoien aos emprendedores dende os inicios do seu proxecto son máis que necesarios.
A idea de establecer pontes con Portugal penso que é unha vella demanda que deberíamos ter máis en conta porque é un mercado que, malia estar tan preto, moitas veces semella que está moi lonxe debido a que a normativa é diferente. Compartimos moitas cousas co tecido portugués e por tanto hai lugar para xerar un mercado e promover sinerxías que fagan máis competitivas ás nosas empresas, tanto as novas como as xa establecidas e con traxectoria.
–Cal é a túa opinión sobre a suposta necesidade dunha empresa TIC de internacionalizarse? Non é posible o futuro, o crecemento, sen ter en conta unha mentalidade global?
-O termo internacionalización pode soar moi grande cando estás a darlle forma a un proxecto, pero hoxe hai que pensar de forma global en case tódolos ámbitos. As barreiras en termos de comunicación están a desaparecer e a posibilidade de prestar os nosos servizos en calquera punto sen necesidade de grandes investimentos, nin establecementos físicos, está a derrubar atrancos de entrada en mercados que antes serían utópicos para un emprendedor. Non digo que poidas operar en todo o mundo polo simple feito de traballar a través de internet, pero si que as novas tecnoloxías abren xa moitas posibilidades de carácter global que os emprendedores non deberían deixar escapar. A mentalidade global, as sinerxias e fuxir do minifundismo empresarial deberan ser normas para todo emprendedor galego.
Sobre Javier Varela
Consultor de Marketing, Estratexia e Comunicación, especializado en marketing online, redes sociais, e comunicación dixital en www.toctocmedia.com. É editor e administrador do blog de marketing www.theorangemarket.com dende o ano 2006 e co-organizador de The Monday Reading Club Vigo, o 1º Clube de Lectura de Marketing de Galicia. Traballou en múltiples proxectos de promoción e publicidade en liña para empresas e institucións, entre as que se contan, por exemplo, as seguintes: Volkswagen, Absolut, Telefónica, Iberia, Havana Club, Fundación Altius, Lizarrán, Albariño Paco & Lola, Xacobeo, Femxa, TEDxGalicia, You&Me albariño, Vinum Terrae, Meubook, Empresa e Finanzas Galicia, etc.
Sobre os apoios e impulsores de NACCE
O Proxecto NACCE inscríbese dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, e participan a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC), Cámara de Comercio de Vigo, Universidade de Vigo, AIMinho (Associaçao Empresarial) e o CCG/ZGDV (Associaçao Centro de Computaçâo Gráfica). Espérase que signifique un gran estímulo para o sector TIC de Galicia e do norte de Portugal favorecendo a creación de emprego e de empresas tecnolóxicas.
NACCE é un programa de mentorización sobre mellora da competitividade, internacionalización ou apertura de novas liñas de negocio en empresas TIC, e tamén sobre como crear unha empresa TIC, como levar unha idea de negocio tecnolóxica ou de internet á realidade. Todo iso de forma on-line e gratis, e apoiado por profesionais de prestixio que conforman o Núcleo de Apoio á Competitividade e Creación de Empresas, “polo que é unha oportunidade única para formarse, asesorarse, facer contactos de primeiro nivel ou montar unha empresa da man da experiencia do día a día”, sinalan os impulsores da iniciativa.
Os mentores de NACCE achegan asesoramento a máis de 260 emprendedores galego-lusos
Compartir Este Artigo
