
Ao seu xuízo, o ano que comeza ben pode ser de reflexión, pero estaría mellor que fose máis de acción. E máis se temos en conta que os debates que se teñen xerado arredor da necesidade de coller a Rede polas rendas, como pobo con identidade propia, é posible que nos leven unha vez tras outra á mesma beira común, xeolocalizada polo miúdo, cada un coas súas propostas diferentes pero compartindo chan. O tecido cultural actívase, cóntanos o blogueiro, dende cada quen. Non hai que buscar xente que faga por nós labores como reforzar a conexión co público galego potencialmente receptor de libros na súa lingua (conexión que semella debilitarse cada pouco) ou afianzar a presenza do idioma propio en materia de creación e divulgación científica.
Asemade, é tarefa de cada un sacar á cultura da casa, agora que sen lugar a dúbidas “púxose guapa con Internet”. A xuízo do autor, hai unha chea de recursos que semella específicos para impulsar a creación galega e evitar que se sigan creando pequenos grupos de diálogo sen influencia nin comunicación coa contorna. Así nolo conta, palabras textuais, e cada quen tome o seu apuntamento: “É o momento de aproveitar a Rede para facer visible moito contido morto, metido en alcanfor, en inanes e esquencidas publicacións locais ou sectoriais.A próxima vez que un coñecido teu, activista cultural, te bote a chorada de que unha deputación ou un concello non lle paga a edición do seu libro de refráns da comarca de Cuspedriños, dille que se non a fai pública é simplemente porque non quer. E axúdalle a organizar o acto de presentación do web no concello ou nun local social de prestixio, claro que si. Os eventos sociais son unha magnífica recompensa para o traballo desagradecido e altruísta de moitos grandes investigadores do pequeno. Pero que deixe de chorar e suba ese condenado PDF! 🙂 Temos que crear clubes de dixitalización voluntaria do contido. En patrimoniogalego.net comezamos hai pouco e chegaremos aos 3000 bens catalogados en breves meses. Claro que é posible!”.
Capítulo Cero achega propostas para comezar o ano impulsando a nosa cultura nas redes
Compartir Este Artigo
