Para quen pense que o cinema norteamericano ten que estar por forza en crise, tendo en conta o moito que se foza ilegalmente nos seus produtos nas redes, se cara é hora de que lle vaia dando a volta á súa crenza. Outra cousa é o que lle acontece ás industrias española ou galega, que xa non o tiveron nunca doado fronte á competencia dos produtos norteamericanos (en moitas ocasións infinitamente peores) e que veñen de recibir importantes estocadas en forma de menos subvencións e máis impostos. Dito doutra maneira: por moito que se pirateen os grandes filmes de Hollywood, seguen a dar unha chea de cartos. Se pirateamos o de aquí, non facemos outra cousa que afundilo. Para entendérmonos: hai diferentes xeitos de piratear, uns máis éticos ca outros. Segundo se nos conta dende Torrentfreak, as grandes compañías audiovisuais dos EE UU acadaron records de ingresos nas billeteiras en 2012, con máis de 10.000 millóns de dólares.
Ou sexa, que no ano que vimos que deixar atrás non só percibiron máis de 8.166 millóns de euros (a medrar coa recadación da última semana do ano) senón que as salas de cinema do país proxectaron o meirande número de filmes ata o de agora, con 655 estreas. Todo isto choca un pouco, á vista está para quen queira velo, co que nos contan cada pouco dende as organizacións que velan polos intereses da gran industria do cinema, e que sinalan que a piratería (unha práctica que ten moitos matices e na que se inclúe, incorrectamente, a quen se lucra coa copia e distribución ilegal e tamén a quen non procura beneficio e usa esta vía da copia para acceder a contidos que doutro xeito non vería nunca) ten causado e causará perdas millonarias. Vale que haberá perdas, pero tamén hai ingresos, e bos, para compensalas.
A gran industria de Hollywood acada records de ingresos ao tempo que se laia da piratería
Compartir Este Artigo
