Segue adiante o Proxecto NACCE, a iniciativa transfronteiriza para pór remedio ás eivas competitivas e de internacionalización do tecido TIC de ámbalas beiras da raia galego-portuguesa. A nova actividade visible do proxecto, multitudinaria, desenvolverase o vindeiro 24 de xaneiro cunha xornada sobre proxectos de creación de empresas e apertura de novas liñas de negocio tecnolóxico-dixital. Na xuntanza, como vén sendo costume dende os comezos de NACCE, participarán activamente os mentores e expertos en investimento e busca de novos mercados adheridos ao proxecto, desta volta explicando como tirar proveito dos chamados business angels para relanzar a nosa empresa TIC ou pór en marcha unha iniciativa nova.
Esta xornada de NACCE, que arestora xa achega formación e asesoramento a máis de 260 emprendedores inscritos galegos e portugueses, servirá tamén, entre outras cousas, para que un grupo destes novos empresarios amose os primeiros froitos desta iniciativa transfronteiriza, ideas e proxectos TIC con claro potencial para converterse en realidade e acadar o éxito.
A cita será no Salón de Actos da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, Edificio Politécnico. As actividades darán comezo ás 9.30 horas, co proceso de inscrición. Logo, ás 10.00 horas, virá a apertura e intervención institucional para despois, ás 10.30, dar paso á presentación de resultados da concorrencia en NACCE de Wiimbo e Anubia.
O programa da xornada
09.30 H Inscricións.
10.00 H Apertura e Intervención Institucional.
10.30 H Presentación de resultados de proxectos participantes en NACCE. Wiimbo e Anubia.
11.30 H Descanso café.
12.00 H Mesa 1. Emprendedores – Como pór en marcha unha idea. Relatores: Carlos Álvarez de Desoños, Fátima Andrade Pombo e Arantxa Fernández Fernández de Saborplace, Rosa Conde Suárez de Entremetidos e representantes de Scytale.
13.15 H Mesa 2. Emprendedores – Financiamento. Luís Fernández de InnoBan, Ricardo Luz de Invicta angels.
14.00 H Fin da xornada da mañá.
15.00 H Mesas de Mentoring: Carlos Álvarez | Desoños Fátima Andrade Pombo e Arantxa Fernández Fernández| Saborplace Rosa Conde Suárez | Entremetidos Luís Fernández | InnoBAN | Ricardo Luz | Invictia Scytale 1
7.00 H Fin da xornada
Inscrición aberta e gratuíta (inclúe a comida).
Sobre os apoios e impulsores de NACCE
O Proxecto NACCE inscríbese dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, e participan a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC), Cámara de Comercio de Vigo, Universidade de Vigo, AIMinho (Associaçao Empresarial) e o CCG/ZGDV (Associaçao Centro de Computaçâo Gráfica). Espérase que signifique un gran estímulo para o sector TIC de Galicia e do norte de Portugal favorecendo a creación de emprego e de empresas tecnolóxicas.
NACCE é un programa de mentorización sobre mellora da competitividade, internacionalización ou apertura de novas liñas de negocio en empresas TIC, e tamén sobre como crear unha empresa TIC, como levar unha idea de negocio tecnolóxica ou de internet á realidade. Todo iso de forma on-line e gratis, e apoiado por profesionais de prestixio que conforman o Núcleo de Apoio á Competitividade e Creación de Empresas, “polo que é unha oportunidade única para formarse, asesorarse, facer contactos de primeiro nivel ou montar unha empresa da man da experiencia do día a día”, sinalan os impulsores da iniciativa.
Empresas adheridas a NACCE amosan o día 24 en Ourense as súas ideas e proxectos
Compartir Este Artigo
