Facebook celebrou esta tarde unha rolda de prensa nas súas instalacións de Menlo Park para dar a coñecer a nova Graph Search (busca gráfica), proposta que quere aproveitar o inmenso volume de información manexado pola plataforma creada por Mark Zuckerberg para achegar un xeito diferente de atopar xente, fotografías, lugares e temas de interese, e que hoxe bota a andar entre un pequeno grupo de usuarios de proba de fala inglesa.
Actualmente en Facebook hai máis de 1.000 millóns de persoas, máis de 240.000 fotografías e máis dun billón de conexións, que debuxan un grafo de relacións entre as que quere facilitarse a navegación grazas á Graph Search, o que fará que a barra de buscas de Facebook adopte un tamaño maior e unha flexibilidade moi superior ao que estamos afeitos. Deste xeito, en vez de buscar por palabras chave como nas buscas na web, podemos combinar frases do estilo de “os meus amigos de Lugo que gusten de Siniestro Total” para obter unha listaxe de persoas, lugares, fotografías e outros contidos compartidos en Facebook que se adapten a esas condicións.

Algúns exemplos do que permitirá a Graph Search por áreas serían: – Xente: “amigos que viven na miña cidade”, “xente á que gustan cousas das que eu gusto”, “xente que gusta de andar en bicicleta e vive preto”. – Fotografías: “imaxes das que gusto”, “fotografías da miña familia”, “fotografías de amigos antes de 1999”, “fotografías da Catedral de Santiago de Compostela”. – Lugares: “restaurantes en Vigo”, “atraccións turísticas de Italia que visitaran os meus amigos”, “países que visitaran os meus amigos”. – Intereses: “música da que gustan os meus amigos”, “películas que gustan a xente á que gustan as mesmas películas ca min”, “libros lidos por familiares”. 
Ao parecer, con este tipo de innovacións dende Facebook buscan manter aos usuarios na súa páxina o maior tempo posible, dinamizar a súa actividade e, en definitiva, facer que cada día utilicen máis Facebook, pois tal estratexia é vital para o futuro da compañía.
Vídeo de presentación da nova Graph Search
A presentación desta tarde vista en vídeo
