Madrid vai acoller os vindeiros 28, 29 e 30 de xaneiro un encontro profesionais de especialistas estatais e internacionais en metodoloxías para a salvagarda das identidades e das informacións a nivel dixital. A xuntanza, de enfoque formativo-empresarial, parte da seguinte base: calcúlase que arredor do 20% dos clientes dunha empresa rompe a súa súa relación con ela se descobre que protexe a información de xeito ineficaz. O evento diríxese a fortalecer as bases e a formar profesionais para que o devandito (ese desligamento cliente-empresa) aconteza no menor número de ocasións. A actividade Curso de Experto en Ciberseguridade e Privacidade (PDF) artéllase en tres xornadas para avaliar conxuntamente as implicacións xurídico penais dos ciberdelitos, a protección de datos e a regulación española e europea.
Ademais, repasaranse as técnicas máis utilizadas polos delincuentes para apropiarse de información de xeito ilegal, así como as ferramentas técnicas necesarias para protexer, detectar e monitorizar a ciberdelincuencia e manter a salvo os datos persoais.
Organizado polo Institute of Audit & IT-Governance (IAITG) e a Organización Médica Colexial (OMC, en cuxa sede madrileña se desenvolverán as xornadas) este curso contará, segundo fan saber as entidades promotoras, “con algunhas das máximas autoridades dos mundos da xestión e a tecnoloxía nas contornas de seguridade e protección de datos; o dereito, e das institucións que velan pola seguridade cibernética e o cumprimento normativo en materia de protección de datos”. Na cita participan, a maiores, 50 colexios profesionais de médicos de toda España.
O curso, dirixido por Antoni Bosch, contará entre outros relatores con José Manuel Maza e Manuel Marchena, maxistrados da sala segunda do Tribunal Supremo; Eloy Velasco, maxistrado-xuíz do Xulgado Central de Instrución 6 da Audiencia Nacional; Francisco García Morán, director xeral de Informática da Comisión Europea e director do CERT-EU; Aitor Cubo, subdirector xeral de Programas, Estudos e Impulso da Administración Electrónica do MHAP; Pablo Pérez San-José, xerente do Observatorio da Seguridade da Información en INTECO; Joan Camps, director de Tecnoloxía e Innovación da Organización Médica Colexial de España; José Ignacio Sanz, director xerente da Axencia EFE; Jesús Rubí Navarrete, adxunto ao director da Axencia Española de Protección de Datos; Francisco Hernández, fiscal delegado do servizo de Criminalidade Informática, ou Manuel Vázquez López, xefe da Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal; todos eles ademais profesores do Máster en Auditoría, Seguridade, Goberno e Dereito TIC da Universidade Autónoma de Madrid e do IAITG.
Madrid acolle profesionais de todo o Estado para participar nun curso-congreso sobre protección de datos
Compartir Este Artigo
