O proxecto GreenIT, do que xa temos falado para dar conta da súa materialización apostando polas tecnoloxías sustentables e a computación na nube (tecnoloxías da información máis limpas para facer máis limpas o resto das tecnoloxías), vén de abrir a súa primeira convocatoria de mobilidade co Norte de África. Lembrar que GreenIT é unha iniciativa Erasmus que a Unión Europea concedeu á Universidade de Vigo, coordinadora, para a posta en marcha de accións formativas de diversos equipos profesionais de Europa e o Norte de África no ámbito das tecnoloxías verdes. O programa diríxese a afianzar as ligazóns entre ámbolos continentes facendo fincapé na axuda ao desenvolvemento, impulsando a calidade académica (piar do medre económico e social). Participan nel vinte institucións, dez europeas e dez norteafricanas. Logo de varios meses de esforzos, a primeira convocatoria de prazas xa é unha realidade.
As solicitudes poderán cursarse ata o vindeiro 3 de marzo. En total, entre 2013 e 2016 ofertaranse 50 prazas para os estudantes, investigadores e traballadores das universidades europeas socias de GreenIT que queiran facer unha estadía en Marrocos, Tunisia, Exipto ou Alxeria. Os interesados, informa a Universidade de Vigo, poderán elixir entre unha oferta académica que ascende a 237 estudos repartidos polas dez universidades africanas que participan nesta convocatoria, 119 deles son programas de mestrados. Destas 50 prazas, 28 serán para estudantes de grao, 6 para alumnos ou alumnas de máster e 16 para persoal de administración ou servizos ou para persoal docente e investigador.
Como dixemos, o gran obxectivo de GreenIT é favorecer o desenvolvemento destes países a través da cooperación na educación superior e do I+D+i pero cun eixe temático e específico ben claro: o desenvolvemento sustentable e respectuoso co medio ambiente. As bolsas de mobilidade están pensadas especialmente para estudantes, docentes e traballadores do eido das enxeñerías e das ciencias naturais, aínda que tamén abertos a certas ramas das ciencias sociais como a empresa, a economía, a xeografía, as finanzas ou o turismo.
A UVigo abre a primeira convocatoria de mobilidade co norte de África ao abeiro de GreenIT
Compartir Este Artigo
