Ednon, empresa galega de novas tecnoloxías con sede en Santiago de Compostela, vén de reforzar as súas liñas estratéxicas de espallamento e afianzamento en Latinoamérica. E faino en boa medida co nomeamento de Pedro Toledano como director xeral de Ednon International, S.A. Máis en detalle, o obxectivo principal da empresa compostelá, da que temos falado en Código Cero para dar conta dos recoñecementos ao seu traballo ou das súas solucións para os equipamentos TIC da Xunta, é “consolidar a súa estrutura alén do Atlántico”. Lembrar que Pedro Toledano atesoura unha traxectoria profesional de máis de 25 anos no sector das novas tecnoloxías da información nos eidos da sanidade, a atención socio-sanitaria e os servizos sociais, ámbitos no que desempeñou cargos directivos en multinacionais como Atos Origin ou General Electric.
Conta ademais con gran experiencia profesional na nosa Comunidade, e estivo traballando durante varios anos en México, Chile e Uruguai en empresas tecnolóxicas. Esta nova incorporación, informa Ednon, permitirá reforzar o equipo comercial da compañía no mercado latinoamericano, onde xa está a desenvolver destacados proxectos para o sector público e privado.
Lembrar que Ednon é unha empresa integradora de servizos avanzados de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Fundada no ano 2004, e de capital privado independente, opera en todo o territorio español a través das súas oficinas en Santiago de Compostela, Valladolid e Madrid e en Latinoamérica coa súa filial Ednon International, S.A.
Ednon nomea a Pedro Toledano director xeral da súa filial en Latinoamérica
Compartir Este Artigo
