Este xoves, a Facultade de Medicina da Universidade Autónoma de Madrid deu acubillo ao acto de entrega dos Premios Nacionais de Informática na Saúde, na súa edición 2012. Dáse a circunstancia de que os responsables destes galardóns, os integrantes da Sociedade Española de Informática da Saúde, decidiron recoñecer o alcance innovador dunha iniciativa-entidade galega. Falamos de Servizo Galego de Saúde, o SERGAS. En representación da administración galega acudiu a Madrid María Nieves Domínguez, xerente do servizo, que fixo saber que esta distinción é máis que nada un recoñecemento ao traballo que levan a cabo os máis de 36.000 profesionais que integran o SERGAS.
Lembrar que os ditos galardóns diríxense a salientar aquelas entidades ou organizacións que máis e mellor traballaran a prol do desenvolvemento e aplicación das vantaxes da informática no eido da saúde. O xurado do certame valorou moi positivamente iniciativas concretas levadas a cabo ao abeiro do SERGAS, como por exemplo a historia clínica electrónica, un servizo presente en tódolos centros asistencias para permitir unha mellor xestión da información dos pacientes, ou tamén a receita electrónica, un recurso para axilizar ao máximo a achega de medicamentos, presente arestora en tódalas farmacias da nosa terra. Segundo fai saber o SERGAS con motivo deste premio, cómpre ter en conta que “na Sanidade pública galega cada día hai 14.700 profesionais conectados; prodúcense 114.000 accesos á historia clínica electrónica-imaxe dixital; realízanse 220.000 dispensacións electrónicas e lévanse a cabo 70.000 apuntamentos ao día nas historias clínicas dende os centros de saúde e 13.000 dende os hospitais”.
A Sociedade Española de Informática na Saúde premia en Madrid o labor TIC do SERGAS
Compartir Este Artigo
