Zarpamos é unha iniciativa galega de moi recente creación (foi posta en marcha o pasado outono, tal e como sinalamos dende Código Cero) pero cuns obxectivos ben claros e definidos. Trátase, máis polo miúdo, dunha aceleradora-incubadora de empresas tecnolóxico-dixitais, nada na Coruña, galega ao cen por cen, mais coa vontade firme de “navegar por moitas augas”. De feito, un dos seus grandes piares e obxectivos é ter e manter alcance internacional, achegándose a colaboradores de todo o mundo. Máis en detalle, dende Zarpamos ofrécese a oportunidade de levar á realidade as ideas dos emprendedores, fornecéndose a contorna máis axeitada para facer que un novo empresario se enfoque no que de verdade se ten que enfocar: a creación do seu negocio. “Unha boa idea non é de abondo”, sinálanos Manuel García, co-fundador de Zarpamos, e continúa: “Precísase sacrificio, persistencia, traballo e sobre todo iniciativa e teimosía”.
Segundo engade García, o factor diferencial máis importante desta nova aceleradora TIC é que todos os que forman parte de Zarpamos, a tripulación ao completo, son emprendedores, de aí que se deseñase un programa de aceleración e acubillo empresarial respondendo ás necesidades reais que ten que afrontar nos seus comezos calquera emprendedor. Os proxectos elixidos abranguen áreas moi diferentes, como comercio electrónico, agricultura, saúde, negocios, téxtil/moda, pero sempre co denominador común de pertencer ao ámbito tecnolóxico como solucións web ou aplicacións móbiles.
Dentro do devandito perfil abriuse a primeira convocatoria ao concurso motiON, dirixido a todos aqueles emprendedores que teñan unha idea dentro do criterio que se pode atopar no apartado específico da web da aceleradora. O que se ofrece aos gañadores é a posibilidade de entrar en Zarpamos. Isto inclúe o financiamento de cadanseu proxecto, espazo de traballo, consultoría, mentoring, asesoramento e xestión administrativa e legal, etc. Á consecución duns fitos, as empresas aceleradas optarán a un financiamento entre 100.000 euros e 250.000 euros. Durante o transcurso da súa estancia, Grupos de Capital Risco, Operadores de Telefonía Móbil farán un seguimento mediante reunións cos emprendedores adheridos, para analizar a evolución do seu proxecto, e guialo cara ao que o mercado está a solicitar.
Os proxectos que se escolman finalmente, son estudados para ser internacionalizados. “Neste intre”, fainos saber Manuel García, “temos aberto o camiño da internacionalización, mediante acordo de exclusividade, de enviar certos proxectos a unha das aceleradoras máis importantes a nivel mundial, co obxectivo de realizar un joint venture 50% capital deste país e 50% capital español”.
Ademais, Zarpamos dispón “dun excelente grupo de mentores”, á vista na web da aceleradora nun apartado específico. Un destes mentores, cóntanos García, participará activamente en cada proxecto, mediante uns fitos previamente acadados con el. A recepción de proxectos remata o día 10 de febreiro. O día 15, na Coruña, terá lugar un encontro presencial, entre mentores, investidores, socios e proxectos finalistas. Zarpamos, neste senso, agarda contar co maior número de emprendedores que teñan como obxectivo a consecución conxunta do éxito.
A aceleradora Zarpamos convoca emprendedores TIC co obxectivo común de acadaren o éxito
Compartir Este Artigo
