O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) vai acoller no mes de marzo unha nova actividade formativa sobre unha cuestión que por forza colle de preto a calquera usuario de redes sen fíos: a salvagarda do seu propio acceso e da información que flúe a través del. O curso, que tamén é un seminario técnico vén da man de EWC-ASIF Electronic Warfare Consultors e celébrase os días 4 a 8 de marzo, ambos incluídos, de 9:30 a 13:00 horas. O seu eixe temático será, segundo informa o CNTG, a protección dos sistemas de información baseados na tecnoloxía Wireless – Wi-Fi.
Abordaranse, entre outras cousas, cuestións como problemas de seguridade, ameazas e prevencións a adoptar relacionadas coas redes sen fíos, establecéndose un modelo de análise baseado en probas de intrusión controladas (pentesting preventivo) e análise de riscos.
A actividade vai dirixida preferentemente a técnicos informáticos, administradores de redes ou empresas fornecedoras de recursos de acceso ás novas tecnoloxías da información. Para o seu correcto aproveitamento, informa o CNTG, os asistentes deben dispor de coñecementos en Linux e redes informáticas. O acceso ao seminario, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local. O acceso ao seminario para aquelas persoas non inscritas estará condicionado á existencia de prazas libres os días de celebración do evento.
O CNTG acolle en marzo un seminario práctico sobre como protexermos as nosas redes Wi-Fi
Compartir Este Artigo
