Este martes 19 de febreiro ás dez da mañá dará comezo a segunda edición de EficienTIC, unhas xornadas organizadas por CITEXVI (Cidade Tecnolóxica de Vigo), Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia) e EnergyLab (Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética). O evento en cuestión -celebrado no edificio CITEXVI do Campus Universitario de Vigo (CUVI)- está encamiñado a estudantes de secundaria e Bacharelato de toda Galicia, nel levaranse a cabo unha serie de obradoiros centrados na tecnoloxía e na eficiencia enerxética.
E que se verá en EficienTIC 2013? Pois alí haberá lugar para demostracións e visitas guiadas, obradoiros para aprender a usar a tecnoloxía que temos máis preto do xeito máis eficiente posible (mesmo axudando ao medio ambiente!), falarase tamén das enerxías renovables (posible fonte de alimentación das nosas máquinas) e ensinarase a facer funcionar aparatos sen electricidade.
Outra das actividades de EficienTIC será o Obradoiro de móbiles, no que se poderá aproveitar para doar móbiles obsoletos, xa que haberá una caixa disposta para isto nas instalacións do edificio CITEXVI.
Por último informar que o encontro EficienTIC -cofinanciado pola FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) e o Ministerio de Ciencia e Innovación- se repetirá os días 21, 26 e 28 de febreiro e os días 5, 7, 12 e 14 de marzo.
Comezan as actividades de tecnoloxía eficiente de EficienTIC 2013
Compartir Este Artigo
