A Xunta de Galicia continúa na súa senda de reducir o gasto en licenzas de software, e anuncia que reducirá nun 45% o custo das licenzas de Microsoft para toda a Administración autonómica, de xeito que fronte aos 10,5 millóns de euros que pagaba o Goberno anterior por 3 anos de licenzas a Xunta abonará a partir do presente ano un importe máximo de 5,8 millóns de euros polo mesmo período de tempo.
Na primeira reformulación do esquema de licenzas de software de Microsoft conseguiuse pasar dun pagamento medio anual de 3,5 a 2,2 millóns de euros (o que supuxo un aforro do 37%) e agora quedaría tal importe en 1,9 millóns (o que sería un 45% de redución neste concepto).
O novo contrato non renova as licenzas de software para os postos de usuario, agás no Servizo Galego de Saúde e na área tributaria, polas necesidades específicas do software que empregan, sendo precisas as licenzas renovadas para poder soportar múltiples aplicacións que dan servizo á cidadanía.
No presente ano tamén elaborarán un estudo para analizar a migración a ferramentas ofimáticas de software libre en todos os ordenadores dos empregados públicos da Xunta. Actualmente o 94% dos ordenadores da Administración gozan de software libre (en 2009 tal porcentaxe era de só o 46%) aínda que na meirande parte dos casos as ferramentas libres conviven con software propietario.
O gasto en licenzas de software de Microsoft por parte da Xunta continúa a reducirse
Compartir Este Artigo
