O Concello de Teo vén de informar de que xa se pode visitar a mostra A muller innovadora na ciencia. A exposición, que se centra en amosar exemplos concretos de salientables achados en Investigación e Desenvolvemento (I+D) levados a cabo por mulleres na historia, estará visible ata o 4 de marzo no salón de plenos do consistorio ata o 4 de marzo, e entre o 5 e o 15 do mesmo mes no IES de Cacheiras, onde os elementos que integran a mostra poranse a disposición do alumnado para traballar directamente na cuestión da muller científica.
Esta mostra, que chea a Teo da man da Concellería de Benestar e Igualdade, púxose en marcha a raíz da celebración do ano da ciencia no 2007 dende a comisión Mulleres e matemáticas da RSME, coa axuda da Fundación FECYT. A exhibición tenta presentar a vida e obra de 20 científicas de todos os tempos coa particularidade de que todas elas no seu traballo sitúanse moi preto do ámbito das matemáticas. Cada un dos 20 paneis incorporan unha actividade docente relacionada dalgún xeito coa investigación realizada por estas mulleres. As promotoras desta exposición propuxéronse dende o comezo do proxecto o seguinte obxectivo: que este material sirva de alicerce para traballar sobre todo cos adolescentes o papel da muller na sociedade e nas matemáticas. A mostra intégrase de material e soportes diversos, entre os que se conta un xogo de computador.
Chega a Teo a exposición sobre os grandes achados científicos das mulleres investigadoras
Compartir Este Artigo
