FSC Inserta, entidade especializada na formación e emprego vinculada á Fundación ONCE, anunciou esta semana que o seu programa de divulgación arredor de Windows Word abrangue a nosa terra. Máis polo miúdo, falamos dun curso para persoas con diversidades funcionais e motrices sobre as devanditas ferramentas de Microsoft que se está a desenvolver xa en Ferrol, onde están a participar na actividade máis dunha ducia de alumnos. A acción formativa lévase a cabo ata o 21 de marzo e consta de 90 horas lectivas artelladas en dous módulos: sistema operativo Windows e procesador de textos Word.
FSC Inserta ocúpase entre outras cousas da organización do curso e de achegar aos alumnos “as destrezas profesionais que lles permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo e o desenvolvemento de aptitudes e habilidades persoais para acadar a plena satisfacción no seu contorno laboral e social”.
Todos os cursos de formación enmárcanse dentro do Programa Por Talento, que está a desenvolver a Fundación ONCE a través de FSC Inserta, co financiamento do Fondo Social Europeo, cuxo obxectivo é incrementar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas con diversidades funcionais ou motrices.
FSC Inserta achega a tecnoloxía de Microsoft ao colectivo galego de persoas con diversidades funcionais
Compartir Este Artigo
