O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) formará este ano a preto de 500 persoas a través da súa oferta formativa en liña, tras un incremento de 60 prazas con respecto ás dispoñibles en 2011. A primeira edición desta iniciativa bota a andar hoxe mesmo, cunha actividade na que participarán 150 persoas e que rematará en abril coa superación dun exame presencial en cada un dos centros do ISSGA ou na sede da EGAP.
Estes cursos para o organismo dependente da Consellería de Traballo e Benestar teñen unha duración de 60 horas lectivas en liña, abordando temas como os conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, riscos xerais e a súa prevención, riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención, elementos básicos da xestión da prevención de riscos, primeiros auxilios e prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero.
Os obxectivos dos cursos son proporcionar o nivel e capacitación necesarios para desenvolver funcións de xestión da prevención e facilitar aos empresarios a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas empresas ou centros de traballo, que grazas á formación en liña poden beneficiar tamén a persoas con dificultades para acudir ás aulas para unha formación presencial.
O ISSGA potencia a súa formación en liña
Compartir Este Artigo
