Esta semana presentouse, da man da Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (Agacom), a que será a nova edición de Ibercom, congreso internacional centrado na información e nos múltiples xeitos actuais de establecermos conexión con outras persoas, entidades, organizacións, empresas ou administracións. A convocatoria 2013 celebrarase na Facultade das Ciencias da Comunicación de Santiago, entre o 29 e o 31 de maio, sendo o obxectivo desta edición, tematicamente falando, abordar cuestións como o coñecemento, a cultura e as esferas do poder. Ao encontro presentáronse xa preto dun milleiro de comunicacións.
A xuntanza está organizada por Agacom e presidida pola profesora da USC Margarita Ledo e máis a Assibercom, en colaboración coas Facultades de Ciencias de Comunicación das tres Universidades galegas. O congreso, segundo informa a USC, acollerá reunións de decanos, de directores de próximos congresos de comunicación, de programas como o IAMCR para Iberoamérica ou o bilateral ALAIC/Nordicom, así como a presenza de numerosas revistas do eido da comunicación. Desenvolverase arredor de oito divisións temáticas que abranguen políticas, estruturas, comunicación organizacional, teoría e métodos, educomunicación, discursos, cinema e audiovisual e historia. Na sesión de peche renderase homenaxe ao cineasta recentemente falecido Octavio Getino, fundador do Grupo Cine Liberación e da Escola do Terceiro Cine.
O novo Congreso Ibercom previsto para maio en Santiago xa recibiu un milleiro de comunicacións
Compartir Este Artigo
