Segundo nos recordan dende Vigo, no centro Gradiant, vivimos tempos duros para tódolos eidos sociais, económicos, produtivos e educativos. Nada se salvan nin sequera aqueles ámbitos que máis potencial teñen para sacarnos da focha da crise (buscando novos xeitos de producir, novos materiais, novas enerxías) e para mellorar a nosa calidade de vida, como por exemplo a investigación. En definitiva, conta Gradiant, “a crise non perdoa nin á ciencia”. Así, todos somos testemuñas de ata que punto os recortes en investigación provocan unha fuga masiva de cerebros ao estranxeiro, cousa que levou ás principais sociedades científicas a alertar da perda dunha xeración de mozos investigadores. A nosa terra non está ceibe deste fenómeno. Para contrarrestalo na medida do posible, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) puxo en marcha, xa dende hai tempo, unha serie de medidas concretas.
Estas iniciativas permitíronlle, entre outras cousas, reter profesionais e mesmo captalos. Unha parte destes esforzos canalízase a través do proxecto europeo Liftgate, financiado con 2,3 millóns de euros, que posibilitou a chegada de seis novos talentos que traballaban no estranxeiro, tres españois, unha brasileira, un francés e un italiano. Son seis perfiles distintos que complementan e reforzan as liñas de investigación do centro naquelas áreas que se quere potenciar. “Fixemos unha procura internacional de captación de persoal cunha serie de perfís que nos achegan competencias novas que complementan ao que xa temos”, explica Fernando Pérez González, director de Gradiant, un centro que o pasado ano captou 3,5 millóns de euros en proxectos españois e internacionais e de contratos con empresas. Fernando Pérez láiase, pola contra, dos atrancos burocráticos que existen para fichar a científicos internacionais. “Foi un pesadelo -di-, é máis doado traer a un futbolista que a un científico”. As fichaxes achegan, ao seu xuízo, “novas formas de pensar, habilidades e coñecementos que non son doados de atopar en España”. A enxeñeira eléctrica brasileira Helena Fernández López, que logrou abaratar o custo da telemonitorización de pacientes nun hospital de Portugal, confía en poder “ampliar a oferta de traballo do centro en tecnoloxías relacionadas coa saúde e o benestar”. O francés Arnaud Quirin, experto en minería de datos e con máis de 30 publicacións científicas internacionais, é outro dos captados, do mesmo xeito que Gabriele Boccolini, experto en comunicacións por satélite; Luis Rodero, especialista en computación na nube; Carmela Troncoso, unha referente en sistemas de seguridade, ou Enrique Argones, experimentado en recoñecemento biométrico. Todos valoran a relación de Gradiant coa empresa. “Así temos a ocasión de ver como o noso traballo incide sobre o mundo real”, resume Luis Rodero.
As medidas do centro Gradiant para captar talentos do exterior saldáronse con seis novas fichaxes
Compartir Este Artigo
