
Telefónica tamén informou do estado de cousas acerca de achega xeral de tecnoloxía 3G na nosa xeografía, proceso que segundo a operadora culminará este ano co fornecemento deste servizo a 11.349 novos núcleos do rural galego. Segundo recordou Alonso, estas dotacións de estruturas insírense no Plan de Extensión de Banda Larga no rural, promovido pola Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, e no que “Telefónica investiría ao final do proceso, en decembro deste ano, un total de 64 millóns de euros, dos cales 15 son achegados pola administración autonómica”, informou. Este plan, engadiu, “beneficia xa a 250.000 habitantes do rural galego, e nel utilizouse tecnoloxía 3G na banda de 900 Mhz, con gran penetración en zonas complexas dende o punto de vista orográfico e que é quen de acadar ata 7 mbps de velocidade”.
Este fornecemento de tecnoloxía está a ser complementado, por parte de Telefónica, con iniciativas de divulgación e alfabetización dixital (como a xira Roadshow Movistar Galicia, que percorreu xa 34 vilas galegas con vistas a acadar a cifra de 82) ou de mellora dos servizos de atención ao cliente, cousa que implicaría o garantemento da comunicación en galego cos seus clientes e un meirande contacto coa realidade do país. “De feito”, sinalou Alonso, “na Coruña sitúase un dos centros de atención ao cliente máis grandes de España, Eurocen, onde nos últimos meses incrementouse progresivamente o persoal por efecto da carga de traballo da Compañía, ata alcanzar os máis de 1.000 traballadores”.
Telefónica fixo saber, tamén, que o investimento total na nosa terra foi de 608,6 millóns de euros nos últimos cinco anos, acadándose en 2012 os 2,2 millóns de accesos e manténdose, neste intre, 494 puntos de venda e canles especialistas. Ademais, dixo, emprega de forma directa a 1.420 persoas (o 37,1% delas, mulleres) e máis de 2.000 de forma indirecta. Asemade, en 2012 efectuou compras por valor de 26,5 millóns de euros a 31 empresas galegas. “Todo iso no seu conxunto”, explicou Alonso, “fixo que en 2012 a súa actividade supuxera o 1,3% do PIB galego”.
Telefónica despregou xa 250.000 quilómetros de fibra óptica na nosa terra
Compartir Este Artigo
