Finalmente ao mediodía deste sábado 9 de marzo rematou a segunda e última parte do curso sobre o sistema operativo Android organizado polo Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en Santiago de Compostela durante as dúas últimas fins de semana. O curso foi cualificado polo colexio de “éxito en canto a participación”, non só por ter acubillado a varias ducias de profesionais senón porque as valoracións dos mesmos acerca da actividade foron moi positivas. Asemade, o colexio destacou esta acción formativa como un instrumento útil e aberto para introducir aos asistentes nos diferentes aspectos do proceso de desenvolvemento de aplicacións do sistema operativo Android, que é o que conta con maior taxa de presenza nos smartphones operativos arestora en España.
Nesta segunda fin de semana de curso, os diversos relatorios abordaron aspectos como as visións de conxunto sobre os fundamentos esenciais de Android, ou o xeito en que as aplicacións comunícanse entre si. Tamén incidiuse moito no tema da seguridade, tanto no intre do desenvolvemento das aplicacións como na execución destas.
Durante o ciclo formativo, informa o CPETIG, os asistentes descubriron aspectos do desenvolvemento de aplicacións para o sistema operativo Android de gran interese como o feito de que, a través de Google Play, “calquera desenvolvedor de aplicacións pode publicar a súa ferramenta nesta tenda en liña do buscador cunha cota inicial de 25$ e unha porcentaxe de beneficios de 70/30%”.
O colexio
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) creouse mediante Lei do Parlamento de Galicia do 1 de decembro do 2006. Traballa para dar resposta e solucións aos múltiples problemas que a profesión ten propostos, prestando os seus servizos tanto aos seus profesionais como aos usuarios das TIC e á sociedade en xeral. “É esta sociedade a que demanda e demandará calidade nas TIC, xa que estas están a soportar a economía dixital, e somos precisamente os profesionais das enxeñarías en informática os que podemos aportar esas garantías”, informa o colexio.
Éxito de participación do curso sobre Android en Santiago que rematou esta fin de semana
Compartir Este Artigo
