Ficción Producións, o selo galego responsable do videoxogo-serie Tutu, de cuxa presentación en Santiago falamos polo miúdo en Código Cero, estivo os días pasados en Lyon, Francia, para participar na edición 2013 do salón europeo Cartoon Movie, prestixioso foro de coprodución de animación e videoxogos organizado pola Asociación Europea de Cinema de Animación para fomentar o financiamento compartido arredor de proxectos audiovisuais desta índole. A empresa galega chegou a Lyon con dúas propostas debaixo do brazo. Por unha banda o devandito videoxogo para tablets Tutu (proxecto transmedia que tamén en serie de animación en 3D e máis espectáculo real de monicreques) e máis o filme Meñique, baseado no libre do cubano José Martí, A idade de Ouro, á súa vez adaptación do conto Polgarciño.
Volvendo a Tutu, dicir que se trata pois dun traballo con moitas vertentes, un exemplo modélico do que se coñece como achega transmedia: ou sexa, que se desenvolve perfectamente, enriquecéndose, en diferentes planos de realidade, canles, códigos e plataformas. Por unha banda temos a serie en 3D (con monicreques que se integran nunha contorna deseñada por computador), logo temos o xogo propiamente dito coas súas aplicacións para dispositivos móbiles e computadores. Este proxecto, contan dende Ficción Producións, “é unha aposta polo lecer educativo infantil e de calidade”. Nel, por certo, traballaron educadores especializados no ensino de nenos entre 2 e 5 anos. Na cita de Lyon o xogo captou a atención de polo menos 10 empresas internacionais, que mantiveron cadansúas reunións cunha representante da produtora na localidade francesa.
Polo que atinxe a Meñique, dicir que se presentou na segunda xornada do Cartoon, dedicada de xeito específico ás longametraxes de animación. Trátase dunha película desenvolvida en colaboración cos estudos cubanos ICAIC e dirixida a nenos e adolescentes. “É unha historia universal”, contan dende Ficción, “compresible para os espectadores de calquera parte do mundo, que transmite a idea de que o saber pode máis que a forza”. A banda sonora orixinal da película foi composta polo cantautor Silvio Rodríguez coa colaboración do músico galego Manuel Riveiro. Este proxecto, engade a empresa galega, “levantou un gran interese entre os axentes de vendas internacionais que se deron cita no Cartoon e así llo fixeron saber á empresa galega con quen organizaron varios encontros”.
Ficción Producións leva os seus innovadores proxectos de animación ao Cartoon Movie de Lyon
Compartir Este Artigo
