
A formación, sinalan os seus responsables, é gratuíta e ten un enfoque sectorial, dirixíndose principalmente a empresas do sector téxtil e de calzado que queiran iniciarse na venda por Internet. O obradoiro, de oito horas de duración, amosará os diferentes aspectos a ter en conta para o establecemento dunha tenda en liña. É dicir, tocaranse temas como modelo de negocio, plan de mercadotecnia, loxística, medios de pago, aspectos legais e plataformas de e-commerce. Os profesionais interesados en participar nesta actividade poden inscribirse xa na web específica do programa. Nela dáse acubillo a información relativa aos obradoiros, aos contidos formativos sobre diferentes temáticas do comercio electrónico, a un catálogo de provedores e produtos TIC, información sobre o sector, estudos e, tamén, casos de éxito. A formación tamén poderá seguirse de xeito simultáneo por videoconferencia dende as aulas dos Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) da Coruña, Pontedeume, Padrón, Ortigueira, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Celanova. Sinalar que o programa, a maiores do devandito, tamén fornecerá aos participantes, sen custe engadido, dun servizo de asesoramento personalizado de 40 horas de duración por empresa que se vai pór a disposición de 100 empresas, “co fin de potenciar a súa tenda virtual”. Sinalar que na primeira edición deste programa, desenvolvida en 2012, concorreron 2.345 PEME, procedentes de tódolos sectores e de tódolos recantos da xeografía estatal, ao longo de 70 sesións de formación. Acompañouse isto de 37 obradoiros de asesoramento presencial dos que se beneficiaron máis de cincocentas empresas.
Aulas da Rede CeMIT participantes (videoconferencia)
· Centro Cívico de Eirís (A Coruña)
· Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra.
· Celanova (Ourense)
· Centro de Desenvolvemento Local. A Lomba. Ponteareas (San Miguel) (Pontevedra)
· Lalín (Pontevedra). Auditorio Municipal.
· Ortigueira (A Coruña)
· Padrón (A Coruña)
· Pontedeume (A Coruña)
Santiago e oito aulas CeMIT acollen o día 21 un novo obradoiro do programa do Goberno para impulsar o e-commerce
Compartir Este Artigo
