O centro CiTIUS, sede da presentación do glosario que se desenvolve este xovesA USC avanzounos esta semana outra boa nova tecnolóxica que se vai dar a coñecer, de xeito oficial, este xoves 14 de marzo ás 12 horas nas instalacións do centro de investigación CiTIUS. Pois ben, segundo nos fan saber, trátase dun recurso moi axeitado para a formación TIC dos nosos estudantes, profesionais e usuarios en xeral das canles e equipamentos dixitais: un novo glosario trilingüe de termos sobre arquitectura de computadores. Os seus autores son o profesor do Departamento de Electrónica e Computación Elisardo Antelo Suárez e o técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC (SNL) Xusto Rodríguez Río. O recurso contou para a súa elaboración co apoio do SNL e máis da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE). Con esta nova publicación de case 700 termos, informa a USC, búscase achegar un material de referencia que facilite o emprego do galego nas actividades de ensino/aprendizaxe pero tamén nas divulgativas e aínda nas investigadoras. “Ao tempo”, engade, “pode ser útil para facilitar a comprensión da bibliografía técnica –escrita sobre todo en inglés– que a comunidade de estudantes debe manexar durante os seus estudos”.