A Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) están a desenvolver estes días unha serie de sesións para dar a coñecer a convocatoria do FEDER-Innterconecta II, nova achega de Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, de gran interese para as nosas empresas de alicerce tecnolóxico e que beneficia especialmente á nosa terra (a galega é a convocatoria de meirande contía, con 75 millóns de euros dispoñibles en subvencións a fondo perdido). A primeira destas sesións celebrouse, como sinalamos en Código Cero, este martes 12 de marzo en Vigo. O día 18, no salón e actos da Confederación de Empresarios de Pontevedra (García Barbón 104), desenvólvese outra xeira de traballo na mesma cidade (a cuarta xa, logo da de Ourense e Lugo, esta semana). Dará comezo ás 11.30 horas, e contará coa presenza de María José Tomás, do Departamento de Saúde, Bioeconomía, Clima e Recursos Naturais; e máis Sergio Lourenso, Dpto. de Enerxía, Transporte, Fabricación e Sociedade Dixital, ámbolos dous do CDTI.
A xornada centrarase nas características desta segunda edición do programa FEDER-Innterconecta, co obxectivo de axudar ás empresas a resolver as dúbidas que poidan ter ao respecto. En tal senso, ofrécese a posibilidade de realizar entrevistas bilaterais con técnicos de CDTI para revisar ideas ou propostas de proxectos. Segundo informan as entidades organizadoras da sesión, é precisa a inscrición dos participantes no correo electrónico difusion.gain@xunta.es ou proyectos@ineo.org, indicando as persoas que asistirán e o seu cargo, así como se está interesados en manter unha xuntanza cos profesionais do CDTI. Neste caso, deberá remitir cumprimentada a Ficha de Información da Idea de Proxecto antes do día 15 de marzo ás 11:00h ao correo difusion.gain@xunta.es.
Ao longo de encontro cos emprendedores e empresarios farase fincapé na potencialidade destes fondos para os seus proxectos de innovación, proxectos que deberán contar cun orzamento mínimo de 1,5 millóns de euros, cunha duración que non debe superar os dous anos naturais, coa participación de tres empresas independentes (como mínimo) e de, polo menos, un centro de investigación. Por certo que o prazo de presentación de proxectos a esta segunda convocatoria finaliza o vindeiro 4 de abril.
Lembrar que nesta 2ª edición do Innterconecta, o Goberno galego achegou 15 millóns de euros para co-financiar a dotación de fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). Como dixemos, a convocatoria galega é a de maior contía das convocatorias, con 75 millóns de euros dispoñibles en subvencións a fondo perdido.
Engadir que o mércores 13 de marzo levouse a cabo o segundo encontro dentro do Innterconecta II, celebrado no Parque Tecnolóxico de Ourense. En Lugo celébrase o terceiro este xoves 14.
A sede da CEP en Vigo acollerá unha nova presentación das oportunidades que achega a convocatoria FEDER-Innterconecta II
Compartir Este Artigo
