Os enxeñeiros e enxeñeiras do futuro e as empresas con intereses nese eido atópanse estes días reunidos no Foro Tecnolóxico de Emprego, que xa vai pola súa décimo terceira edición. O encontro -que se inaugurou o 12 de marzo e rematará o 15 do mesmo mes- está organizado por estudantes e o seu público principal son os mesmos futuros titulados de EE de Telecomunicación, EE Industrial e ETS de Enxeñaría de Minas que convidaron para comparecer nesta edición a empresas e entidades diversas como Altran, R, Kuka Robotics, Tecnocom, a Fundación Barrié, TRW, Centum, Gradiant, Tecnópole ou Tagtum, así como aos colexios oficiais das diferentes enxeñarías. Deste xeito o panorama do Foro desprega as súas actividades na Cidade Universitaria de Vigo; máis polo miúdo, na entrada da escola de Minas, lugar onde se atopan os stands nos que as empresas poderán recoller currículos, ofrecer bolsas e proxectos e amosar o seu traballo.
Asemade, ata o venres 15 haberá oportunidade de asistir a mesas redondas, relatorios e workshops nos que os futuros enxeñeiros se poderán achegar á realidade empresarial do sector, ás necesidades das empresas, ás liñas de traballo e ás novas oportunidades que lles agardan. Cómpre salientar que na xornada de hoxe -xoves 14- desenvolverase unha mesa redonda para analizar o papel da enxeñaría na competición automobilística. E precisamente son alumnos e alumas da Universidade os que puxeron en marcha a escudaría EnxesMotor, encargada de organizar o Slalom Universidade de Vigo, entre outras actividades. A este coloquio asistirán pilotos como Jesús Ferreiro; Juan Campos Toimil (participante no campionato de España de resistencia) e Pepe Rivas (que correu este ano o Dacar co equipo de Marineda). Engadir que o coche deste último piloto estivo a disposición dos asistentes diante das escolas de Enxeñaría Industrial e Enxeñaría de Minas, como una mostra da aplicación real da enxeñaría á realidade, neste caso ao mundo da competición.
O Campus de Vigo acolle estes días numerosas actividades inseridas no Foro Tecnolóxico de Emprego
Compartir Este Artigo
