O uso de servizos na nube popularizouse rapidamente nos últimos anos e ofrecen aos seus usuarios unha dispoñibilidade total da información, pero moitas veces non atenden axeitadamente á protección dos datos ou á privacidade dos seus propietarios; como resultado, as nubes proporcionan servizos deslocalizados, sen un contexto legal ou de riscos perfectamente definido. A lexislación europea nesta materia establece un marco que obriga os provedores de servizo a ter moi en conta a protección dos datos sensibles; ademais, recentemente vénse observando unha crecente preocupación cidadá sobre o tratamento que se fai dos seus datos privados nestes servizos.
É neste contexto onde Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia)y o Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións (GPSC) do centro de investigación AtlantTIC da Universidade de Vigo colaboran no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas de protección de privacidade que posibilitan a provisión de servizos Cloud cunha garantía probada de total confidencialidade para os seus usuarios. Ambas as dúas institucións posúen unha traxectoria internacionalmente recoñecida en investigación e transferencia tecnolóxica nas áreas de seguridade multimedia e protección de datos.
A aposta decidida da Fundación Barrié, no seu Fondo de investimento en Ciencia, a través do proxecto SCAPE (Securing the Cloud with Automated Privacy Enhancement), potenciou e dado continuidade a unha liña de investigación realmente prometedora, baseada en tecnoloxías criptográficas avanzadas de procesado de sinal no dominio cifrado. Grazas a elas, un cloud pode operar de forma cega sobre os datos cifrados do usuario; así, pode proporcionar os mesmos servizos que actualmente, pero sen ter ningún tipo de acceso en claro aos datos sensibles que o usuario lle confía. Deste modo proporciónase unha protección integral de privacidade aos usuarios, garantindo que os datos están cifrados non só durante o seu almacenamento, senón tamén durante o seu procesado: non abandonan o seu estado cifrado dende o momento en que entran no cloud.
Despois do seu primeiro ano, os labores desenvolvidos neste proxecto comezaron a dar os seus froitos, e este mes de marzo a revista IEEE Signal Processing Magazine (SPM) publicou dous artigos nesta liña escritos por Juan Ramón Troncoso, investigador postdoutoral do GPSC, e Fernando Pérez, catedrático da Universidade de Vigo e director xeral de Gradiant. Un dos artigos, titulado Secure Signal Processing in the Cloud, está relacionado co procesado no dominio cifrado en clouds multimedia; o outro, titulado An Overview of Privacy-Preserving Data Aggregation in Smart MeteringSystems, céntrase no procesado seguro e confidencial de datos sensibles nas incipientes redes de subministración eléctrica con medidores intelixentes (smartmeters). Ambos os dous temas son núcleo central da investigación desenvolvida no proxecto SCAPE.
Gradiant e a Universidade de Vigo publican un par de artigos sobre a seguridade na nube nunha prestixiosa revista
Compartir Este Artigo
