A Aula TIC PEME (ATP) da Universidade de Santiago está estes días a preparar unha interesante actividade formativa sobre medios sociais e metodoloxías para xestionar e coordinar, ao abeiro destas novas plataformas ou servizos, calquera tipo de comunidade de índole comercial, incluíndose neste labor xeral de xestión tarefas de información, publicidade, marketing, documentación e coordinación, entre outras. Falamos do Curso de Community Manager, impartido pola experta en estratexias de mercadotecnia dixital Esmeralda Díaz-Aroca.
A actividade formativa tería lugar na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo no horario e días que a continuación se detallan: xoves 18 e venres 19 de abril de 2013 de 16.00 a 20.00 horas, xoves 25 e venres 26 de abril de 2013 de 16.00 a 20.00 horas e xoves 2 e venres 3 de maio de 2013 de 16.00 a 20.00 horas. Existen dúas modalidades de participación. Na primeira, inclúese o desenvolvemento das seis xornadas presenciais devanditas, cun prezo de 250 horas e un certificado acreditativo por valor de 30 horas. A segunda modalidade abrangue igualmente seis xornadas presenciais (24 horas) xunto coa elaboración do proxecto de comunicación da empresa baixo a supervisión telemática de Esmeralda Díaz-Aroca (26 horas). O prezo desta segunda modalidade ascende a 310 euros por un total de 50 horas, incluíndose un certificado acreditativo por 50 horas. O prazo de preinscrición ficará aberto ata o 31 de marzo de 2013. Para formalizala será preciso enviar un correo electrónico a atpemes@usc.es, indicando a razón social da empresa e o nome e apelidos da persoa interesada, así como un teléfono de contacto e a modalidade de participación elixida.
A Aula TIC PEME da USC achega unha actividade formativa sobre community manager
Compartir Este Artigo
