
Na nosa axuda teremos unha ruta debuxada no mapa, onde nós mesmos apareceremos figuraremos como unha bóla de cor azul. E sen necesidade de conectarnos a Internet. A guía pódese descargar dende hoxe para móbiles con Android e, en breve, para iPhone. O servizo ePocketGuide, como lembraremos, é unha guía de viaxes para teléfonos intelixentes. Xurdiu cos mellores agoiros posibles (incluíndo un premio da asociación EGANET, antes de que estivese accesible na Rede para descarga) e suscitando importantes mostras de interese na feira madrileña FITUR, onde tamén se deu a coñecer. Agora ponse ao alcance dos turistas incluíndo unha ruta de balde por Santiago e outras 50 por toda España.
O proxecto naceu cando Víctor Ayán, canso de non atopar a ferramenta perfecta para as súas viaxes, decidiu pórse mans á obra e creala. Para iso baseouse en diferentes estudos e na súa experiencia como emprendedor de éxito doutros proxectos. Ao seu xuízo, “se queres emprender tes que ter claro o obxectivo que persegues, porque durante o camiño vas atopar moitas dificultades”, asegura. A idea foi, segundo el mesmo nos conta, materializar unha aplicación útil, “moi sinxela e completa, que permitise ter toda a información necesaria: os sitios máis interesantes para visitar, reservar os mellores hoteis e restaurantes, comprar as entradas para as actividades máis divertidas e, todo isto, desde o propio teléfono”. O servizo ten contidos de seu, creados por viaxeiros e xornalistas, todos eles integrados no equipo editor da guía. As rutas teñen información propia, fotografías en alta definición e algunhas mesmo audioguías e vídeos. Nas vindeiras versións o usuario poderá xerar os seus propios contidos e compartilos cos seus amigos das redes sociais, de modo que entre todos vaian creando rutas alternativas, que só verán eles e as persoas coas que queiran compartilas. A idea, como nos recorda Víctor, era crear algo innovador polos seus catro costados. É dicir, que este espírito de creatividade tamén afectase ás metodoloxías de traballo, non só ao produto en si mesmo. A xuízo de Ayán, “o sistema aseméllase máis a Google cá unha empresa tradicional, e isto débese principalmente á forma de xestionar ás persoas, ao traballo a través de computación na nube e a unha filosofía baseada en obxectivos”. Polo tanto, está claro que un dos obxectivos era facilitarnos unha compaña para viaxar. Así nolo explica o creador da ferramenta: “A mellor forma de viaxar é acompañado por alguén do lugar que nos leva aos sitios máis apaixonantes e cóntanos, de forma amena, o máis destacado de cada un, así como as anécdotas e segredos que gardan; precisamente iso é o que fai ePocketGuide”.
Durante dous anos, o seu equipo editor, formado por viaxeiros, expertos en turismo e xornalistas, elaborou máis de 60 rutas por España. Cada unha delas é única e o seu prezo oscilará entre os 2 e 3 euros. En todas, ademais de poder seguir o mapa no que estamos xeolocalizados, temos fotografías e unha detallada descrición dos puntos nos que nos paramos, información práctica como prezos e horarios e un botón de saber máis que nos liga á Wikipedia. Algúns dos itinerarios teñen audios e vídeos. “A gran novidade”, engade Víctor, “é que todo isto podemos descargalo no teléfono antes de emprender a nosa viaxe, ou aproveitando o acceso Wi-Fi do hotel, para non ter que consumir datos en roaming ou non estar pendentes de se hai ou non cobertura cando, por exemplo, fagamos unha ruta de sendeirismo polo río Cares, entre Asturias e León”.
A aplicación pódese descargar, sen ningún tipo de custe, desde as tendas de Android e, proximamente, tamén de iOS. Permite, entre outras cousas, compartir os contidos que estamos a ver e, na versión que sairá para o verán, deseñar rutas propias e partillalas con amigos, para que as usen ou as melloren. Tamén se poderán reservar hoteis e restaurantes, “así como outras actividades que farán de cada viaxe unha experiencia única”. Fóra das rutas elaboradas polo equipo de expertos e colaboradores de ePocketGuide, todos os demais servizos que ofrecerá a aplicación son gratuítos.
Dispoñible para Android e (en breve) para iOS a innovadora guía galega de viaxes ePocketGuide
Compartir Este Artigo
