O Organismo Público Portos do Estado presentou este días o desenvolvemento iMar, unha nova ferramenta para dispositivos móbiles que facilita o acceso a unha completa información do estado do mar. A ferramenta, creada para Portos pola empresa española Nologin, xa se pode descargar de balde para iPhone e Android. Segundo informa o organismo, é de gran utilidade tanto para os traballadores do sector como para os seareiros dos deportes náuticos, xa que facilita información océano-meteorolóxica en tempo real, e predicións a tres días.
Así nos explica Portos do Estado os seus obxectivos con máis detalle: “Hoxe en día é cada vez máis habitual acceder á información a través de dispositivos móbiles, que están a desprazar aos tradicionais navegadores baseados no emprego dun computador, polo tanto esta é unha das motivacións que levou a Portos do Estado a desenvolver iMar, e ofrecer un mellor servizo ao cidadán facilitando gratis o acceso á devandita información a través desta nova aplicación”.Doutra banda, a institución portuaria tamén procurou, con esta ferramenta, cumprir cos requirimentos dos usuarios da súa web, recentemente remodelada e achegando novos e máis completos chanzos de información e uso, un proceso que a tornou máis complexa de manexar dende un dispositivo móbil, polo que se fixo máis precisa ca nunca a creación dunha app. “Grazas a iMar”, informa Portos, “calquera cidadán poderá coñecer o estado do mar, e acceder a información detallada de ondada, nivel do mar, vento, presión atmosférica, temperatura da auga, etc. para cada localidade, praia e porto de España”. Ademais, a aplicación permite a creación e xestión de localizacións favoritas, “facilitando así un acceso inmediato á información”. Para achegar toda esta información, subminístranse mapas animados de previsión, así como un sistema de alerta para a costa que permite avaliar o estado do mar en toda España dunha soa ollada. Como dixemos, para desenvolver a aplicación, Portos do Estado confiou na empresa aragonesa Nologin Consulting. Para o organismo portuario estatal, o labor despregado dende a firma foi de gran valor. Sinalar que Nologin contaba coa vantaxe da súa experiencia previa con Portos, xa que participara activamente no deseño da súa nova páxina web. Polo tanto “coñecía fondamente os seus sistemas e as necesidades dos seus usuarios”.
Portos do Estado lanza unha aplicación parta coñecer o estado do mar en toda España
Compartir Este Artigo
