A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Escola de Galega de Administración Pública (EGAP) anunciaron os pasados días que traballarán de xeito conxunto cos sindicatos para facilitar o acceso dos empregados públicos á Certificación de Competencias Dixitais en Ofimática de Galicia (CODIX). Este acceso establecerase formalmente os vindeiros días coa sinatura dunha serie de acordos entre os devanditos departamentos da Xunta e máis os sindicatos presentes na Administración autonómica.
Segundo indican AMTEGA e EGAP, aqueles encárganse entre outras cousas de promover accións formativas “que teñen os mesmos contidos que o Plan Formativo Ofimático de Galicia”. Polo tanto, o que se busca é “tirar proveito desta coincidencia” e facilitar, en virtude desta circunstancia, “o acceso ao certificado en competencias”. De feito, os acordos que se están a asinar permitirán que os traballadores que superen os cursos AFEDAP coincidentes co Plan Ofimático poidan acceder ao CODIX a través dun exame presencial. Segundo se informa, os interesados en acceder a esta proba deben ter realizados cursos correspondentes co Plan Formativo Ofimático de Galicia, cuxo contido actualmente coincide co descrito no módulo formativo MF0233_2 Ofimática do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade. O certificado de competencias dixitais en ofimática, que emite a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, permitiralle á persoa titular “acreditar as súas competencias en tecnoloxías da información e as comunicacións en materia de ofimática”.
AMTEGA, EGAP e os sindicatos facilitarán aos empregados públicos o acceso á certificación de competencias en ofimática
Compartir Este Artigo
