Quen ande programando unha iniciativa innovadora no seo da súa empresa, botando man dos recursos en liña, ou quen teña en mente botarse a vender e facer marketing nas redes sociais, intercambiando impresións e coñecemento, ten unha cita obrigada o vindeiro 24 en Santiago, data prevista para a celebración da segunda entrega da Conferencia de Comercio Electrónico CONECOM. O encontro desenvolverase no Pazo de Congresos e Exposicións e incluirá charlas e obradoiros formativos sobre as cuestións que máis nos interesan: comercio electrónico móbil, métodos de pagamento, loxística, publicidade en liña, revender en Internet, aplicacións de venda de balde, etc.
A entrada é cen por cen de balde, e contarase, no acto de apertura, coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a concelleira de Economía de Santiago, Reyes Leis, e máis o secretario xeral en funcións da Cámara de Comercio de Santiago, Fernando Barros.
A Conferencia de Comercio Electrónico, CONECOM, xurdiu o ano pasado coa arela de emprazar á nosa terra no punto central da reflexión arredor das moitas vantaxes de algo tan sinxelo como facer nas redes o que comunmente viñemos facendo fóra dela. Falamos de vender, promovernos, distribuír, xestionar ou comunicarnos cos nosos clientes ou cos nosos socios; e todo coa axuda das redes sociais e de cousas como a computación na nube. A xuntanza vén da man de DobleClic,que con esta cita quere instruír aos emprendedores e aos pequenos e medianos empresarios nas máis innovadoras metodoloxías de mercado dixital.
A segunda entrega de CONECOM celébrase o vindeiro 24 de abril en Santiago
Compartir Este Artigo
