A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o operador galego R xuntáronse este mércores en Santiago, no Centro de Novas Tecnoloxías (CNTG), para dar conta ante os medios do acadado en materia de despregamento conxunto de redes e das previsións vindeiras en cobertura e en servizos. A axencia autonómica e a empresa de telecomunicacións coincidiron en salientar un fito vindeiro que nos vai poñer por enriba do esixido a nivel estatal e máis en Europa. Máis polo miúdo, coincidiron en destacar que “a metade dos galegos terán acceso a redes de fibra óptica de 100 Mbps a finais de 2013”. En representación de AMTEGA interveu Mar Pereira, directora da axencia, e do operador fixérono Arturo Dopico e Antonio Rodríguez del Corral, conselleiro delegado e e xerente de desenvolvemento de negocio, respectivamente.
Respecto do traballo feito en implantación de Redes de Nova Xeración, subliñaron a eficacia posta ao servizo dos recursos achegados (públicos e privados) e as moitas vantaxes que nos van achegar estas infraestruturas: son, por así dicilo, o alicerce e a materia prima do fogar dixital e a Smart City.
Mar Pereira, no transcurso da presentación, subliñou dous grandes obxectivos: levar redes de alta xeración a tódolos galegos ao tempo que nos convertemos en punteiros nas ditas tecnoloxías. De feito, dixo, “Galicia é unhas das primeiras comunidades da Unión Europea que está a subvencionar a implantación de Redes de Nova Xeración, as máis punteiras do mercado, con velocidades de ata 100 Mbps”. Os traballos despregados con R, dos que se falou polo miúdo no CNTG, céntranse no despregamento das ditas redes en núcleos de máis de 500 habitantes, fóra polo tanto das grandes cidades. Este obxectivo, fixado no Plan de Banda Larga da Xunta, contou cun orzamento público privado de 127 millóns de euros, 27 dos cales viñeron da man da Administración autonómica. O fornecemento destes recursos é un proceso que culminará en 2013 chegando a 1,4 millóns de galegos. Isto significa que terán, ao alcance da man, acceso a redes de fibra óptica de 100 Mbps. O dato, como dixemos ao principio, pon á nosa terra por enriba do nivel de esixencia fixado polas administracións estatal e europea. De feito, sinalou Pereira, adiantámonos en dous anos ao obxectivo concreto da Axenda Dixital para España en 2015, e o mesmo se pode dicir do demandado dende Europa. “En total”, dixo, “serán máis de 200 núcleos de toda a Comunidade os que teñan acceso a estas infraestruturas, que son a base de novos servizos dixitais e condición indispensable para competir nun mundo globalizado”.
Como informamos, Pereira veu acompañada de Arturo Dopico, o conselleiro delegado do operador R, empresa responsable destes traballos concretos incluídos no Plan de Banda Larga. Dopico comezou a súa intervención lembrando o detalle da nosa vantaxe europea e máis o esforzo desenvolvido en materia de eficacia para sacar o máximo partido posible dos orzamentos dos que se dispuñan, públicos e privados. Ou sexa, que se fixo e se vai facer o máximo que se podía facer. “Todo isto”, dixo, “ten aínda máis valor se temos en conta que somos a poboación máis dispersa, demograficamente, de toda Europa”. Ao seu xuízo, non estamos a falar dun despregamento calquera de infraestruturas. Do que se está a facer da man de R e AMTEGA depende, en boa medida, o futuro da nosa terra en materia de fogar dixital, cidades intelixentes ou saúde en liña, por citar algúns dos conceptos que se derivan. Falamos, máis concretamente, de 100 Mbps, unha taxa que permite, con moita marxe, accesos de plena calidade nuns fogares, os actuais, que xa non acubillan só un único punto de acceso, senón múltiples accesos e modalidades de conexión á sociedade dixital (varios PC e portátiles, varios smartphones, etc). Arestora, indicou, hai dispoñibilidade de Redes de Nova Xeración para preto de un millón de domicilios particulares e empresas da nosa xeografía.
Tras a intervención de Mar Pereira e Arturo Dopico, Antonio Rodríguez del Corral, xerente de desenvolvemento de negocio da operadora conectou en directo cun establecemento físico do operador galego en Lalín a través do chamado sistema de telepresenza. Dende unha das salas do Centro Demostrador TIC, Antonio Rodríguez puido entaboar unha conversa presencial pero a distancia na pantalla dunha tele dixital co monologuista galego Isi, a quen os asistentes ao acto viron e escoitaron en tempo real. Amosouse así unha das moitas aplicacións da dispoñibilidade de accesos de 100 Mbps, que, a xuízo dos responsables de AMTEGA e R, “van formar parte da nosa vida cotiá de xeito progresivo e que nos van permitir, por exemplo, contactar con outras persoas próximas do noso contorno ou con profesionais da sanidade e doutros eidos da administración simplemente acendendo a nosa TV e premendo unha canle determinada”.
R e AMTEGA informan que as redes de fibra óptica de 100 Mbps chegarán en 2013 á metade dos galegos
Compartir Este Artigo
