Rafael Louzán vén de presentar www.depo.es, o novo portal web institucional da Deputación de Pontevedra para cidadáns, concellos e empresas da provincia; unha plataforma de xestión de contidos dixitais que, en palabras do presidente do organismo provincial, “facilita a xestión centralizada e unificada e permite incorporar novos elementos de comunicación e interacción co usuario, así como novas formas de acceder á información e ós servizos da Deputación de Pontevedra”. Asemade, indicou que o sitio en liña representa a materialización do proceso de modernización tecnolóxica que arestora afronta a Deputación, amais de “unha porta de acceso da cidadanía, os colectivos, as asociacións, os concellos e as empresas á Deputación de Pontevedra”. Ao seu xuízo, destaca non só por ser un portal feito por e para os cidadáns, senón tamén polo especial fincapé que se fixo en facilitarlle ó usuario a navegación, organizando a información en seccións segundo o seu perfil e conseguindo así que poida obter a información que necesita de xeito doado e intuitivo.
A web, entre outras cousas, conta cun acceso rápido á Oficina Virtual Tributaria do ORAL, ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, á descarga de formularios e instancias oficiais da Deputación e ao perfil do contratante. Asemade, en breve incorporará a Sede Electrónica, que será unha prolongación da oficina administrativa tradicional, constituíndose como un punto de acceso único para que os cidadáns poidan realizar as súas xestións habituais como o rexistro, que tamén se poderá facer de xeito telemático ou consultar o estado dos seus expedientes. “Todas estas ferramentas farán posible que todos os cidadáns da provincia de Pontevedra se poidan beneficiar dunha administración á altura das máis avanzadas do Estado”, informou Louzán.
Un dos obxectivos prioritarios deste novo portal institucional é acadar “a máxima accesibilidade, por iso no deseño e desenvolvemento tívose especial coidado coas normas técnicas de accesibilidade para que calquera cidadán, independentemente das súas limitacións, poida acceder á información”. O novo portal web institucional conta polo tanto cos avances tecnolóxicos precisos para a acadar a supresión dos atrancos de acceso aos usuarios, explicou Louzán, que engadiu “esta é a verdadeira función das novas tecnoloxías: estar ao servizo dos cidadáns”.
O organismo galego tamén quixo que a aposta a prol da accesibilidade se traducise nunha maior participación, deste xeito habilítanse canles de atención ao cidadán para que estes poidan trasladar as súas suxestións e consultas. O propio Rafael Louzán, como presidente da Deputación de Pontevedra, amosou o seu compromiso de responder nun prazo máximo de dez días as cuestións que se transmitan por vía electrónica. “Este é o espírito que guía a comunicación entre a Deputación de Pontevedra e os cidadáns: unha comunicación áxil e directa”, salientou.
A Deputación de Pontevedra presentou o seu novo portal web, “ao servizo de tódolos cidadáns”
Compartir Este Artigo
