A ciencia non se divulga por si soa, e a ciencia galega (e en galego) non é unha excepción. Para acadalo do mellor xeito posible, chegando mesmo aos que serán científicas e científicos do mañá (espertando vocacións), a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) está a desenvolver unha serie de interesantes actividades. Sen ir máis lonxe, a celebración do Día do Científico Galego, un festexo promovido en colaboración coa Fundación Barrié e que, como avanzamos hai uns días dende Código Cero, xirará este ano arredor da figura do pensador e ensaísta Benito Jerónimo Feijoo, Frei Feijoo (ou Pai Feijoo). Con este fin, amosaranse os fitos máis importantes da súa vida e obra en diferentes localidades galegas ata o mes de xuño.
As xeiras divulgativas comezarán o vindeiro martes 23 de abril, coa celebración na sede da RAGC do Día do Científico Galego, dedicado este ano ao devandito pensador e investigador. Este será, sinala a Academia, o inicio dun programa de actividades organizado conxuntamente coa Fundación Barrié que se estenderá ata xuño e que inclúe espectáculos científicos en Santiago, Ourense, Vigo e A Coruña, a distribución de material divulgativo entre os visitantes ao Mosteiro de Samos (Lugo) e a difusión dunha unidade didáctica a todos os centros escolares de Galicia. “Como novidade destacada”, engade, “o acto académico que terá lugar en Santiago o vindeiro martes ás sete da tarde na sede da RAGC virá precedido por tres sesións dun espectáculo científico especialmente deseñado para a ocasión, no que se amosarán de maneira divertida e mediante experimentos participativos as facetas máis destacadas da traxectoria do Frei Feijoo e os principais achados científicos da época na que el viviu”.
As dúas primeiras desenvolveranse pola mañá e contarán con público escolar. A da tarde, previa ao acto académico, estará aberta ao público en xeral. Este acto académico, igualmente de carácter público, incluirá un achegamento persoal á figura de Feijoo a cargo do prior da Abadía de Samos, José Luis Vélez. A explicación da faceta científica será realizada pola investigadora e ex directora do Instituto Padre Feijoo da Universidade de Oviedo, Inmaculada Urzainqui. Uns días despois, o sábado 27 de abril, terá lugar nos Xardíns do Padre Feijoo, en Ourense, un espectáculo científico na rúa dirixido a todos os públicos que terá varias sesións ao longo de toda a mañá. Asemade, desenvolveranse uns obradoiros didácticos no Colexio Padre Feijoo de Ourense o 6 de maio e no CEIP Padre Feijoo de Allariz ao día seguinte. A principios de xuño repetirase para escolares de Vigo e A Coruña nas sedes que a Fundación Barrié ten nestas dúas cidades.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) aprobou por unanimidade a elección de Feijoo para ser homenaxeado este ano polo “seu esforzo defensor e impulsor da nova ciencia baseada na razón e na experiencia e polo seu espírito crítico á hora de cuestionar dogmas e espallar as ideas científicas –enfrontándose á censura da Inquisición– mesmo entre os estratos sociais que no século XVIII tiñan un difícil acceso ao coñecemento”. Frei Feijoo naceu no pazo de Casdemiro (Pereiro de Aguiar, Ourense) en 1676.
A RAGC prepara múltiples actividades para celebrar o Día do Científico Galego, dedicado este ano a Frei Feijoo
Compartir Este Artigo
