
Nas tarefas de despregamento de rede no concello de Ponteceso o operador galego xa leva investidos máis de 2,2 millóns de euros e deixará estendidos preto de 11 quilómetros de fibra óptica e case 4 quilómetros de canalización (obra civil) nestes concello coruñés. “Esta actuación do Plan de Banda Larga da Xunta que está a desenvolver R”, informan fontes do operador galego, “vai por diante das súas previsións de cobertura grazas ao avance progresivo e satisfactorio dos traballos de achega de rede”. De feito, engádese, a día de hoxe dispoñen de acceso a redes de nova xeración coa calidade da fibra óptica de R “o 84,5% dos núcleos programados, un total de 163 dos 193 previstos na parte do PDBL que lle atinxe ao operador galego de comunicacións por fibra óptica”.
O obxectivo principal, alén da poboación das sete grandes cidades da nosa terra (onde medio millón de persoas teñen acceso xa ás novas redes), é que outras 575.000 teñan ao alcance da man este tipo de servizos. O resultado, unha vez rematado o dito Plan? Pois sería o seguinte: máis dun millón de galegas e galegos “preparados de cheo para a Sociedade da Información en Galicia”, informa R. No que se refire ás cifras actuais, “tendo en conta os 27 núcleos aos que se lles deu acceso en 2010, os 78 de 2011 e os 47 de 2012, arestora son 531.657 os galegos que poden acceder ás vantaxes das redes de nova xeración por vez primeira”.
Informar que en virtude destas infraestruturas, as devanditas localidades dispoñen xa dun acceso á rede dun mínimo de 100 Mbps de baixada e 10 Mbps de suba e cun caudal garantido do 80%. A intención de R é subir aos 200 Mbps antes de que remate o ano en curso.
R sobe a Ponteceso ao carro das vilas con redes de nova xeración
Compartir Este Artigo
