O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vai celebrar este xoves o Día Internacional das Rapazas nas TIC. E vaino facer cunha máis que completa xornada de actividades que dará comezo ás 10.00 horas nas súas instalacións (Campus Sur de Santiago) e que incluirá relatorios a cargo dalgunhas das representantes femininas do noso tecido tecnolóxico-dixital. Segundo informa o CESGA, tanto a celebración a nivel xenérico como o evento preparado na súa sede teñen especial importancia na nosa sociedade, e máis se temos que en conta que “é preciso que as mulleres sexan parte activa na creación, non só no consumo, das tecnoloxías que marcan as nosas vidas”.
Informar que o Día Internacional das Rapazas nas TIC (Girls in ICT) é un evento promovido e coordenado pola ITU (International Telecommunications Union), da que España é membro, para crear unha contorna global que promova e apoie ás mozas no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Este ano este evento é coordinado pola Comisión Europea, Parlamento europeo e a ITU.
O Centro de Supercomputación de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Consellería de Educación, Secretaría Xeral de Igualdade, Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos e a Rede Galega de e-Learning, promoven como dixemos unha actividade conxunta para celebrar a xornada dende a nosa terra. Será un acto presencial e aberto por multiconferencia aos centros de ensino secundario que queiran participar no mesmo. O acto permitirá a participación remota por texto para poder preguntar e enviar comentarios aos relatores do mesmo.
Lembrar que o CESGA é o coordinador dun proxecto europeo de innovación educativa denominado ICT-GO-Girls!, Promoción do Emprendemento entre as Rapazas de Secundaria a través das TIC, no que, ademáis do CESGA, participan a Universidade de Santiago de Compostela e 5 socios europeos de Austria, Polonia, Alemaña e Bélxica.
Axenda de actividades:
· 10:00 Preside: Secretaria Xeral de Igualdade. Apertura do acto.
· 10:05 Benvida: (Manuel Varela, presidente do Centro de Supercomputación de Galicia e director da Axencia Galega de Innovación.)
· 10:10 Unha fenda dixital a salvar. As rapazas, emprendemento e as TIC. (Manuel Corredoira, director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Consellería Educación)10:15 O papel das rapazas e as TIC na modernización tecnolóxica galega (Mar Pereira, directora da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia)
· 10:20 Proxecto Europeo ICT-Go-Girls! Promoción do emprendemento entre as rapazas de Secundaria a través das TIC (Maria R. Malmierca, CESGA – Beatriz Cebreiro López, USC – Fernando Suárez, presidente CPEIG).
· 10:30 Visión e experiencia de Luz Castro, propietaria de Imaxin Software
· 10:35 Visión e experiencia de Noa Orizales, directora de Contidos Dixitais
· 10:40 Visión e experiencia de Marta Fernández Bugeiro, CEO de Smartbites
· 10:45 Visión e experiencia de Maica García Rodríguez, CEO de Frutifri
· 10:50 Participación por multiconferencia dende os centros poiloto do proxecto e outros centros de secundaria galegos interesados. Rolda de preguntas e comentarios.
· 11:30. Peche do acto. (Secretaría Xeral de Igualdade)
