Finalmente celébrase esta tarde a xornada formativa organizada polo CPETIG (Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia) coa colaboración de AMTEGA e dirixida a favorecer e amosar técnicas e recursos de especial utilidade para pór en marcha unha empresa de natureza tecnolóxico-dixital. A actividade, que basea as súas bazas na viabilidade e na potencialidade deste sector como revulsivo da situación crítica que estamos a vivir, celébrase no Centro Demostrador TIC, a partir das 16.00 horas, acompañada do seguinte epígrafe: Taller de Emprendemento TIC para o inicio de actividades.
Este seminario, segundo informan os seus responsables, ten como obxectivo formar a aqueles profesionais que desexan realizar actividades por conta propia, no proceso de decisión da forma xurídica da súa empresa e en todos aqueles trámites, xestións e actuacións que terán que afrontar para o cumprimento das esixencias mercantís, fiscais, laborais, de protección de datos e de ordenamento municipal, incluídos os aspectos de financiamento básicos.
O seminarios será impartidos por María Begoña Costa Camino e José Andrés Villamarín Taboada, ámbolos dous licenciados en Economía e expertos na xestión económico-financeira de empresa, que serán os encargados de mostrar os aspectos máis relevantes a hora de iniciar unha nova actividade económica. A xornada rematará coa intervención de Guillermo Viña, xerente IGAPE Nova – Área de Competitividade do IGAPE, que informará aos asistentes das últimas novidades nos programas de apoio ao emprendemento para o ano 2013.
A actividade poderá seguirse a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de A Coruña, Ourense, Vigo e Pontevedra. Ademais, poderase seguir e debater cos relatores e participantes mediante o uso en Twitter do hashtag (ou etiqueta) #EmprenderTIC, ou mandando unha mensaxe a través do Facebook da IMit.
Os procesos para crear unha empresa TIC, polo miúdo este venres no Centro Demostrador de Santiago
Compartir Este Artigo
