Sermos Galiza está estes días de celebración. Segundo fai saber o equipo deste medio (que colle corpo nunha web permanentemente actualizada e máis nun semanario dispoñible nos quioscos), este venres 26 de abril cúmprense un ano de actividade na Rede. Como lembraremos, Sermos Galiza chegou nun intre crítico para a nosa comunicación, con múltiples canles tradicionais que apostaban polo galego e pola información independente pechando as súas portas, o que deixou ao panorama da comunicación galega nunha obrigada situación de reconstruír formatos, canles e modelos. Sermos Galiza apostou pola vía innovadora pero cun ollo posto nos formatos tradicionais, publicando cada semana unha revista propia que complementase o publicado cada día na web. A súa permanencia e as cifras acadadas confirman en boa maneira que o xornalismo galego e independente está a atopar o vieiro de seu.
De feito, dende os seus comezos, o equipo de Sermos Galiza apostou por un xornalismo crítico e afastado das influencias informativas do poder en calquera das súas manifestacións. “A nosa”, din, “foi é e será unha aposta aberta, radicalmente inclusiva; apostamos en ser o meio de todos os movementos -sociais, culturais, cívicos, sindicais, políticos…- que existen na nosa sociedade e que se mexen en chaves galegas e populares, desde a autoxestión ata a auto-organización”. Polo que respecta ás cifras acadadas ao longo deste ano de traxectoria, sinalar que se acadaron máis de 500.000 usuarios únicos (un usuario único é unha IP, “así que estamos a falar de moito máis de medio millón de galegos e galegas”, sinalan), 1,5 millóns de visitas e 6,2 millóns de páxinas vistas. Amais disto, unha de cada 4 visitas que se reciben todos os días é dunha IP nova, “o cal dá noticia de que cada vez chegamos a máis persoas e de o noso traballo a prol dunha información libre e galega estar a recibir unha moi boa acollida”, engade o equipo de Sermos Galiza.
Pois que sexan moitos anos máis.
A web de Sermos Galiza celebra o seu ano de vida con 6 millóns de páxinas vistas
Compartir Este Artigo
