Sermos Galiza chega aos quioscos o vindeiro 8 de xuño
martes, 5 de xuño do 2012
Sermos Galiza, novo medio dixital galego do
que vimos dando conta con motivo das súas orixes e
posterior posta
en marcha na Rede, está a piques de comezar a súa andaina no eido tradicional
de distribución xornalística. Ou sexa, de
botarse aos quioscos. Cómpre lembrar que este vieiro, en aparencia a
contracorrente da tendencia xeral (a de deixar o papel para estar nas redes),
foi dende o comezo da iniciativa un obxectivo clave a perseguir.
Así, Sermos Galiza quixo dende os seus
primeiros pasos cubrir non só o baleiro deixado por medios como Galicia Hoxe ou A Nosa Terra,
senón certa ausencia dunha canle de información xeral, non específica, que o cubrise
todo: dende os espazos 2.0 de vangarda até os revisteiros dos nosos fogares,
locais hostaleiros ou centros sociais, arestora ben deficitarios de información
en galego.
Segundo informan dende Sermos Galiza, cada
sexta feira (venres) desde o próximo día 8 de xuño os quioscos recibirán un
novo número do semanario Sermos Galiza. As persoas que optaren pola subscrición
terán no seu domicilio o xornal a través dun “sistema áxil de distribución de imprensa que garantirá a chegada no
mesmo día”. Un sistema de reparto de imprensa, explícase, empregado para a
entrega de xornais diarios facilitará a distribución nos núcleos urbanos. Na
zona rural, engaden dende Sermos Galiza, será distribuído por medio do servizo
de correo postal. A subscrición é posíbel facela directamente clicando na
ligazón da cabeceira do diario dixital.
“As
persoas que mercaren ou se subscribiren ao xornal semanal terán nas súas mans
uns contidos informativos diferentes aos que Sermos Galiza ofrece na Rede”,
sinálase. Así, a idea é que o semanario conte con pezas de máis demorada
elaboración e lectura, seccións fixas e xéneros como a reportaxe, entrevistas
ou artigos de reflexión e análise.